O ano Carballo Calero arranca en Lugo

Unha homenaxe e unha exposición no centro do que foi director abren o pano das actividades das Letras Galegas 2020
Presentación da exposición 'Don Ricardo de Fingoi'. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Presentación da exposición 'Don Ricardo de Fingoi'. VICTORIA RODRÍGUEZ

O Colexio Fingoi de Lugo acolleu este mércores a inauguración da exposición Don Ricardo de Fingoi, que conmemora os 15 anos nos que Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas residiu na cidade das murallas para exercer como profesor e conselleiro delegado daquel centro educativo.

A mostra, que estará no Fingoi ata o próximo 21 de xaneiro e poderá verse a partir do 22 na Delegación Territorial da Xunta nesta provincia, foi creada polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2020.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a xefa territorial da Consellería de Cultura, María José Gómez, participaron no acto inaugural, onde o secretario xeral lembrou a Carballo Calero como o "director excepcional dun colexio sen dúbida singular para a época grazas á innovación pedagóxica e á preocupación pola cultura galega".

A exposición conta con 13 paneis que percorren a relación do autor coa cidade de Lugo

A exposición Don Ricardo de Fingoi conta co patrocinio da Consellería de Cultura e coa colaboración da RAG e do Colexio Fingoi. Consta de trece paneis que percorren a relación do autor das Letras Galegas 2020 coa cidade de Lugo, acompañados de sinaladores de lectura e dun folleto que recolle os mesmos contidos dos paneis. Estes poden verse tamén na web www.carballocaleroenlugo.org e nos próximos meses estarán dispoñibles en formato libro.

Con esta iniciativa arrinca o ano Carballo Calero, quen desde 1981 asinou como Carvalho Calero. Galegas e as diferentes institucións e entidades cívicas xa contan coas primeiras iniciativas para homenaxear ao autor de Scorpio.

Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) naceu e criouse no barrio de Ferrol Vello, na mesma cidade departamental, ata que se trasladou a Santiago de Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras. Foi alí onde se penetrou tanto no galeguismo como nos movementos culturais da época, como o Seminario de Estudos Galegos, e que lle levou a exercer unha activa militancia nacionalista.

O profesor colaborou con numerosas publicacións, como A Nosa Terra, ademais de impulsar as súas primeiras obras cultivando o xénero poético, primeiro en castelán e despois en lingua galega. O autor foi un defensor da República que axudou a rescatar o galeguismo cando arrincaron os primeiros intentos de resistencia cultural tras a Guerra Civil.

[Valentín García e Margarita Carballo Calero. VICTORIA RODRÍGUEZ]

Valentín García e Margarita Carballo Calero. VICTORIA RODRÍGUEZ

Un defensor das teses que marcarían o reintegracionismo
O autor foi membro da Real Academia Galega desde o 58, exerceu un destacado traballo investigador coa súa tese Achegas á literatura galega contemporánea e que desembocou na publicación da Historia da literatura galega contemporánea (1963). Carballo Calero logrou un posto de agregado no Liceo Rosalía de Castro e converteuse no primeiro titular da cátedra de Lingüística e Literatura Galega pola Universidade compostelá.

O escritor dedicou os seus estudos á lingua galega, sobre todo á coherencia histórico-lingüística do idioma, situándose como un defensor das teses que marcarían o movemento reintegracionista.

Entre a súa obra poética destacan Vieiros (1931), Poemas pendurados dun cabelo (1952) ou Pretérito Imperfeito (1980), e tamén cultivou o teatro e a narrativa, na que Scórpio (1987) situouse como a súa peza máis importante.

Comentarios