Opinión

Arcadio Silvosa, compañeiro

NO MEDIO desta pandemia, no punto quente, en Outeiro de Rei, está Arcadio Silvosa, amigo e compañeiro, loitando, igual que sempre loitou, por causas xustas, pola liberdade, pola riqueza da alegría e do humor, polo cambio dos tempos. Está coa porta do seu cuarto fechada, atrancándolle o paso ao virus que vén non se sabe de onde e que, co seu camiñar, vai destruíndo o ser da sociedade, desta sociedade nosa desorientada, desconcertada e abatida diante da presencia dese bicho tan pequeno e tan enorme. Aínda que insista no petar e chame tódolos días, ti non lle abras a porta, aguanta como tantas veces aguantaches. Segue, amigo, agarrado a esa idea que te abraza, a esa fermosa idea de vivir con ganas de facer e de ser.

Aínda que hai tempo que non falamos, sabemos e entendemos que cómpre ir comer o pulpo á feira (perdoa que lle chame pulpo, como se lle chama na miña tribo ou en Carballiño e en moitos outros sitios). Á feira, si! A calquera feira das que quedan, festexar, comer, comprar e falar. Mentres tanto, como dicía Benedetti, "imaxina o precioso que pode ser arriscarse e que todo saia ben". Todo, seguramente, xa que a mal tempo boa feira.

Aquel ictus maldito non pode gañar a partida e o coronavirus non o deixes entrar, resiste e, se é necesario, pide reforzo. Ti, colega e amigo, sabes que a vida dá moitas voltas. Tamén o saben os lectores deste xornal. Voltas e voltas á mesma rotonda, para seguir avanzando cara o punto de partida. Voltas e revoltas entrelazadas construíndo camiño cara a saída.

Aí está o pasado axudando a ver o futuro, ese que se achega paseniño e no que se perciben motivos para erradicar a inxustiza sen máis reviravoltas, para acariñar cada unha das raiolas de sol que peneiran as nubes, para darlle á proximidade o valor que merece, para agarrar a normalidade coas mans e retorcela entre os dedos como se fose a argamasa que mantén a sociedade enteira.

Arcadio, a enfermidade non pode interromper o camiño por máis tempo. Fuches un xornalista todo terreo, un corredor de fondo, un traballador da radio e da prensa escrita e, como di a Tía Manuela, es "un home de lei". A túa contribución é necesaria, logo, por favor, non tardes moito en volver e trae forza, toda a forza que teñas para agarrar o micrófono e loitar coa palabra e coa razón contra tódalas malditas pandemias.

Comentarios