O BNG reafírmase nas palabras de Pontón sobre a Coroa española

A formación nacionalista censura que neste país se persiga a "liberdade de expresión"
Ana Pontón, este mércores en rolda de prensa. EFE
photo_camera Ana Pontón. EFE

A Executiva Nacional do BNG reafirmouse este luns nas palabras da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, sobre a Coroa, á vez que censura que a xustiza española persiga a "liberdade de expresión".

A Fiscalía da Audiencia Nacional examina unha denuncia presentada pola asociación Concordia Real Española contra o vicepresidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonès, de Esquerra Republicana (ERC); a líder de Adiante Andalucía, Teresa Rodríguez; e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por posibles inxurias á Coroa. 

O pasado 25 de xullo, Pontón asegurou, con motivo da visita a Santiago dos reis, que "non hai incenso nin botafumeiro que tape a podremia da Casa Real. "Non imos parar ata que xulguen aos Borbóns por ladróns e por corrupción", agregou aquel día. 

Respecto diso, o Bloque asegura que non ten constancia por "vías oficiais" desta suposta apertura de dilixencias, pero "de ser certas, estas actuacións retratan unha vez máis á xustiza española e a vulneración que estas actuacións supoñen do dereito fundamental á liberdade de expresión no Estado español". 

O Bloque reafírmase no dito por Pontón, así como no comunicado emitido o 3 de agosto por esta formación respecto da "fuxida" de Juan Carlos de Borbón e "a operación posta en marcha para tentar salvar á monarquía". 

Así mesmo, defende que "é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar aos Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas". Xunto a isto, o BNG reafirma os seus valores democráticos e republicanos. 

Pola súa banda, preguntado logo de participar nun acto en Vigo, o responsable comarcal de Galiza Nova, Brais Ruanova, considerou que "algo pasa" no Estado e as súas institucións "se a Fiscalía ten que utilizar o seu tempo en perseguir a líderes políticos" polas súas declaracións, en lugar de investigar "a corrupción da Monarquía".