Carvalho Calero será o homenaxeado nas Letras Galegas 2020

A falta de ratificarse no pleno da Real Academia Galega, existen dúas propostas a favor do ferrolán

Ricardo Carvalho Calero. ARCHIVO
photo_camera Ricardo Carvalho Calero. ARCHIVO

Ricardo Carballo Calero, tamén coñecido como Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago, 1990), será homenaxeado na conmemoración das Letras Galegas do próximo ano. A falta de ratificarse no pleno da Real Academia Galega, que se celebrará en breve, de momento existen dúas propostas impulsadas por grupos diferentes de académicos en apoio á figura do ferrolán para ser o protagonista do 17 de maio. 

Segundo trasladaron a Europa Press fontes consultadas, unha destas propostas conta co apoio duns trece académicos, entre eles a actual executiva da institución, mentres que outra está impulsada polos membros do plenario que levan seis anos presentando a candidatura de Carballo Calero e defendendo a súa importancia como personalidade literaria digna desta homenaxe. 

Precisamente, este grupo de académicos trasladou certo malestar por este xiro da dirección da Academia, que interpretaron como un intento de desviar a atención sobre a exclusión do intelectual ferrolán da homenaxe das Letras nos últimos anos. 

Esta situación levou a este colectivo a facer público un comunicado para divulgar o seu punto de vista sobre esta cuestión, asinado polos académicos Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas Barrós e Xosé Luís Regueira Fernández. 

"Fontes da Academia referíronse publicamente ás dúas propostas como a minoritaria e maioritaria. En realidade son, por unha banda, a proposta que se fai por sexto ano consecutivo; e por outra o proposta froito da presión externa e interna, que ten como finalidade principal impedir que un grupo de académicos leven o mérito de presentar a Carballo por criticar o rumbo que lle imprime á RAG a súa actual Executiva", denuncian. 

Ademais de reprochar que se usase a figura de Antonio Fraguas, cuxos méritos "son innegables", coa intención de "seguir postergando e marxinando" ao ferrolán desta efeméride, este grupo de académicos manifestou que entre os promotores da proposta maioritaria atópase algún membro do plenario que "se opuxo radical e combativamente" á elección de Carballo Calero e que "hai só un ano" consideraba que "sería un atentado contra a lingua galega". 

"Inmenso traballo galeguista"
Os promotores deste comunicado celebran, a pesar diso, que "por fin Ricardo Carballo Calero teña o xusto e merecido Día das Letras Galegas" e non cuestionan "en absoluto" a "legalidade" da proposta alternativa a favor da figura do ferrolán. 

Así, reivindicaron o "inmenso traballo" de Carballo Calero como "crítico, ensaísta e creador literario", e tamén por encarnar os valores do "antifascismo e o galeguismo". "Somos conscientes da opción reintegracionista que defendeu Carballo desde mediados da década de 1970, pero consideramos que a Academia non debe temer o debate normativo", sinalan. 

Carballo Calero estivo moi vencellado á cidade de Lugo. Tras a Guerra Civil, e logo de permanecer fiel ao bando republicano, foi imposibilitado de exercer a función pública. No entanto, entre 1950 e 1965 refuxiouse na educación privada, concretamente no Colexio Fingoi de Lugo.

Comentarios