Dez anos sen Ana Kiro, gran dama da canción galega

Ana Kiro. ARCHIVO
photo_camera Ana Kiro. ARCHIVO

Este xoves cumpríronse dez anos do pasamento de María Dolores Casanova González, máis coñecida como Ana Kiro. Nacera en 1942 en Arzúa e faleu aos 68 anos vítima dun cancro que a apartara dos escenarios e da súa actividade como presentadora de televisión e que a recluíra na súa casa de Mera (Oleiros).

Considerada como a gran dama da canción galega, Ana Kiro fíxose famosa con temas como Galicia, terra meiga e outras moitas dun amplo repertorio que era do agrado dos seus milleiros de seguidores.

A longa carreira como cantante de Ana Kiro iniciouse na emigración en Barcelona e tamén nas galas sabatinas que presentaban en Televisión Española Laura Valenzuela e Joaquín Prat. En 1969, estivo a piques de ser a primeira galega en representar a TVE en Eurovisión ao disputarse o posto con Salomé, quen interpretaría Vivo cantando no festival que se celebrou en Madrid.

Despois dunha dilatada carreira musical de máis de 30 discos, Ana Kiro probou con éxito outras facetas artísticas, como as de presentadora dun magacín na TVG ou de actriz nunha teleserie. 

Comentarios