Os efectos do coronavirus no Camiño: o perfil do peregrino non cambia

Dúas investigacións do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC e financiadas ao abeiro da Cátedra do Camiño conclúen que o covid ten un impacto “moderado” na capacidade de carga do sector turístico vinculado á ruta Xacobea e non mudou o perfil do peregrino

Dous peregrinos en Sarria o pasado agosto. AEP
photo_camera Dous peregrinos en Sarria o pasado agosto. AEP

Un proxecto de investigación do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC conclúe que a pandemia ten un impacto "moderado" na capacidade de carga do sector turístico vinculado á ruta Xacobea. A iniciativa, liderada por Roberto Bande Ramudo ao abeiro da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións, tiña por obxectivo presentar unha primeira estimación dos efectos da covid-19 sobre a capacidade do Camiño Francés á hora de albergar peregrinos.

Pola súa parte, e tamén no marco da mesma convocatoria, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, a investigación coordinada por Dolores Riveiro García, pertencente ao mesmo grupo de investigación, constatou que o perfil do peregrino non se viu afectado pola devandita situación de alerta sanitaria.

"Os nosos resultados indican que o impacto da pandemia sobre a capacidade de acollida de peregrinos dependerá moito das actitudes dos peregrinos respecto ao distanciamento social. No caso de que unicamente o comportamento dos peregrinos se modificase mantendo unha distancia interpersoal de dous metros — tal e como recomendan as autoridades sanitarias—, pero non houbese un incremento no distanciamento entre grupos, a capacidade de acollida do camiño reduciríase ao redor dun 17,8%", explica o investigador da USC. No caso en que os peregrinos decidisen incrementar a distancia entre grupos para previr posibles contaxios por interacción con persoas que non forman parte do seu grupo de viaxe, a capacidade de carga real “reduciríase progresivamente a medida que aumenta dita distancia”, matiza. En consecuencia, a investigación conclúe que o impacto da covid-19 está a ser moderado neste ámbito.

Con todo, a pesar de que o Camiño podería albergar un número relativamente alto de visitantes, a incerteza existente sobre a extensión da pandemia e as restricións á mobilidade das persoas provocaron unha caída inédita no número de peregrinos dende que a actividade se puido retomar no mes de xullo. As cifras de visitantes reducíronse en porcentaxes do 80,8%, en xullo; o 68,4%, en agosto; o 78,2%, en setembro; e o 83,6%, en novembro de 2020, tal e como explican os investigadores na memoria do seu proxecto.

“O cálculo de índices de demanda (número de peregrinos/prazas ofertadas) permitiunos comprobar que a caída na demanda foi tan forte, que non se xeraron presións sobre a oferta  de aloxamento. De feito, parece razoable supoñer que esta non fixo senón axustarse á demanda existente, o que explicaría o peche temporal de moitos dos establecementos situados ao longo do Camiño”, conclúe o investigador da USC.

PERFIL LÚDICO. Pola súa parte, Dolores Riveiro analizou o perfil do peregrino en tempos da covid-19. “Os resultados alcanzados permiten concluír que non  xorde un perfil novo de peregrino”, explica a investigadora. “Máis ben, os camiñantes deste ano correspóndense, de forma moi xeral, co perfil que temos identificado como lúdico”, sinala.

iveiro tamén constatou na súa investigación que no Camiño hai unha maior presenza de homes que de mulleres; que perden peso as motivacións relixiosas; e que se reduce a diversidade dos camiñantes.

Ambos os dous proxectos foron financiados ao abeiro da II Convocatoria  de  Proxectos  de  Investigación  asociados  ás  Cátedras Intitucionais da USC

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios