Eloy Enciso: "A Constitución non pode entenderse como punto final"

O cineasta meirego estrea en salas Longa Noite, unha reflexión sobre os "vestixios" que deixou o franquismo na sociedade española
O cineasta galego Eloy Enciso. XOÁN REI (EFE)
photo_camera O cineasta galego Eloy Enciso. XOÁN REI (EFE)

O cineasta galego Eloy Enciso estrea en salas Longa Noite, unha reflexión sobre os "vestixios" que deixou o franquismo na sociedade española e que, segundo o director, aínda permanecen a actualidade, como é o caso da Constitución, entendida erroneamente como "punto final".

"A Constitución creouse e asinouse hai corenta anos e enténdese como punto final. Todo aquilo que se entenda como punto final na historia para min é síntoma de que algo esta moi mal", explica Enciso (1975, Meira), nunha entrevista con Efe, na que asegura que a Transición foi un período "máis ou menos continuista", baseado na visión de que "para ir cara adiante non debiamos mirar atrás".

Algo que el trata de contravenir con Longa noite, unha película que xurdiu en 2014, durante os últimos anos da crise económica e sociopolítica española, na que o director intenta buscar respostas no pasado, concretamente no período da Posguerra e nos textos de autores como Max Aub, Ramón Valenzuela, Alfonso Sastre ou Luís Seoane, ademais de en cartas de represaliados polo franquismo, que inspiran a película.

E é que para o director, o franquismo non foi "soamente esa fotografía do señor autoritario con bigote, vestido de militar" senón "unha ideoloxía, un sistema e unha forma de pensar" que se filtrou e que se foi expandindo como "un virus" na sociedade española.

Por iso, Longa Noite non ten "unha vontade histórica ou historicista" e o que trata é "de invitar o espectador" a descubrir os mecanismos que fixeron que o franquismo impuxese en España "unha forma de pensar", que acabou traspasando a unha "forma de ser e á cultura" concretas.

"A historia non é lineal. Hai moitos aspectos que xorden e rexorden e por iso creo que é bo achegarse outra vez a eses lugares do pasado. Pero non coa vontade de retratar feitos concretos senón de retratar o espírito de cada época", afirma.

"O feito de que España sexa o segundo país con máis fosas comúns do mundo despois de Cambodia, eu creo que é un problema", asegura o cineasta, que ve no populismo, o caciquismo, o culto ao líder, a ausencia dun cuarto poder real ou a soberanía marcada pola monarquía pegadas claras do franquismo, así como unha cultura de auto "odio"

"O franquismo desarticulou a cultura como ese espazo no que un pensa, reflexiona e profunda nas contradicións da sociedade e converteuna simplemente nunha apropiación folclórica", asegura.

Longa noite está contada desde os ollos de Anxo (o artista Misha Bies Golas), un home que regresa á súa casa en Lugo tras desaparecer durante a guerra Civil Española. No seu camiño vai conversando con personaxes que o retrotraen a recordos persoais e colectivos e deixan reflexións que reflicten moitas situacións actuais.

Para o director, o personaxe é unha especie de "confidente" e "recolector de historias", que non está "demasiado" situado na historia e que é "un pouco colectivo e un pouco atemporal".

A película, que chega este xoves ás salas españolas ha pasado polo Festival de Sevilla, o Festival de Toronto e o Festival de Locarno (Suíza). 

Comentarios