Un estudo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), constata que a leite de vacas alimentadas por pastoreo e a base de herba ten unha composición que resulta máis beneficiosa para a saúde humana.
O traballo realizouse entre os anos 2016 e 2018 e o seu contido recóllese nunha tese doutoral presentada recentemente na Escola Politécnica da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Varios proxectos financiados pola Xunta e o Instituto Nacional de Investigación Agraria confirmaron que hai dous modelos de produción de leite de vaca en Galicia: un minoritario baseado en pequenas granxas en extensivo, con vacas menos produtivas e máis lonxevas que consomen pastos frescos e ensilados; e outro maioritario máis intensivo, baseado en cultivos forraxeiros e con vacas e alta produción menos lonxevas.
Os estudos conclúen que en ambos os casos o leite ten unha calidade "extraordinaria", de acordo coa Consellería do Medio Rural, pero a composición varía segundo a alimentación dos animais. Así, nas granxas nas que se fai pastoreo, o leite ten unha maior concentración de ácidos grasos poliinsaturados e antioxidantes liposolubles bioactivos.
As explotacións que teñen aos animais estabulados, os compostos bioactivos aumentan cando a alimentación combina herba e millo, en lugar de comporse de forma masiva deste cereal.
Os resultados experimentais comprobaron que mellora a composición do perfil de ácidos grasos e de antioxidantes liposolubles cando se aposta polo pastoreo e, en menor medida, cando se inclúe herba ensilada na dieta das vacas.
Medio Rural destacou que a da produción de leite de vaca é unha actividade "estratéxica" en Galicia e sinalou que "a crecente demanda" de produtos saudables, respectuosos co medio ambiente e comprometidos co benestar animal "abre a posibilidade de ocupar un nicho de mercado con cada vez máis saída".