Falece Darío Rivas, o galego que impulsou a querela contra o franquismo

Fillo do alcalde de Castro de Rei fusilado en 1936, impulsou a demanda desde Bos Aires, onde acaba de falecer aos 99 anos

Darío Rivas. CRISTINA ARIAS
photo_camera Darío Rivas. CRISTINA ARIAS

Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei fusilado en outubro de 1936, faleceu este luns en Buenos Aires aos 99 anos.

No seu intento de que se fixese xustiza co seu pai, Rivas presentou en 2010 nun xulgado de Arxentina a primeira querela para que se investigase ao franquismo por delitos de lesa humanidade.

Severino Rivas, asasinado polos falanxistas, foi de feito a primeira vítima do franquismo exhumada en Galicia grazas á insistencia do seu fillo Darío. Aínda que viviu case toda a súa vida en Arxentina, soubo do paradoiro dos restos do seu pai de casualidade, nunha das súas visitas a Galicia, sesenta e nove anos despois da súa morte.

Desde ese momento non parou ata darlle sepultura digna. En 2005 foi exhumado o seu pai e en 2015, dez anos despois, rendéuselle tributo a Darío en Portomarín.

Un ano antes, convertido xa nunha icona da loita pola Memoria Histórica, acudira á Praza do Obradoiro, onde se reunían Mariano Rajoy e Angela Merkel, para entregarlle unha misiva á chanceler alemá na que a instaba a pedir perdón pola colaboración nazi co franquismo durante a Guerra Civil.

[Darío Rivas e Manuel Rivas, no Obradoiro o día que intentou dar unha carta a Merkel. ARQUIVO]

Darío Rivas, ante a catedral xunto a Manuel Rivas. ARQUIVO

Comentarios