As familias poderán solicitar axudas de ata 450 euros para renovar electrodomésticos

A Xunta aproba unha achega de 2,8 millóns para os gastos sociais dos concellos
CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), quality = 95
photo_camera Electrodomésticos nun establecemento. EFE

O Goberno galego autorizou este venres o lanzamento de dúas liñas de axudas coas que calcula que 9.000 familias poden aforrar 270.000 euros ao ano nas súas facturas enerxéticas. En concreto, este programa conta cun investimento de 1,75 millóns de euros e está enmarcado no plan de reactivación económica tras a crise do coronavirus.

Unha destas liñas de subvencións está centrada na renovación de electrodomésticos (frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas e encimeras), de modo que as familias poderán acceder a apoios para a compra de aparatos con etiqueta de eficiencia enerxética 'A+++'. As axudas serán de entre 100 e 450 euros, en función da súa situación de vulnerabilidade social, e cada beneficiario poderá solicitar a renovación de ata dous electrodomésticos.

As outras axudas buscan a monitorización térmica e eléctrica da vivenda. É dicir, implantar medidores de consumo, temperatura e humidade, entre outros parámetros. Neste caso, os beneficiarios recibirán unha única subvención de ata 500 euros por equipo, tamén en función da vulnerabilidade do consumidor.

Estas axudas tramitaranse a través de entidades colaboradoras do sector. Poderán solicitalas do 26 de maio ao 30 de xullo no caso da renovación de electrodomésticos, e do 2 de xullo ao 30 de setembro no caso da domótica enerxética.

Tamén haberá axudas para instalar medidores de consumo, temperatura ou humidade

GASTOS SOCIAIS MUNICIPAIS. A Xunta tamén aprobou este venres un paquete de financiamento destinado a axudar os municipios a afrontar os gastos sociais xerados pola pandemia do coronavirus. En total, a Xunta achegará 2,8 millóns de euros.

Na rolda de prensa posterior ao Consello deste venres, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, explicou que parte dese montante financiará os servizos municipais de atención a persoas en situación de sinhogarismo, como os aloxamentos extraordinarios, o reforzo do persoal e a cobertura das súas necesidades básicas.

Un millón de euros estará destinado a prestacións de urxencia social, mentres que outros 600.000 euros serán para os concellos que crearon bolsas comedor para as familias usuarias das escolas infantís municipais.

Feijóo detallou que Galicia recibiu ata o momento 17 millóns de euros en materia de políticas sociais do Goberno central, dos que "o 50 por cento se distribuíu aos municipios. "O resto mantémolo dentro do orzamento da comunidade", dixo.

Comentarios