Feijóo advirte de que a central das Pontes "non se pode pechar sen alternativa"

O presidente da Xunta culpa ao Goberno central do peche por levar a cabo unha transición ecolóxica "abrupta"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpou este sábado ao Goberno central e ao seu plan para levar a cabo "unha transición ideolóxica abrupta" do peche da central térmica das Pontes, despois de que o venres a empresa que explota estas instalacións, Endesa, anunciase a súa intención de acelerar o mesmo.

"Unha central térmica que está a investir para cumprir a normativa da Unión Europea (UE) non se pode pechar sen unha alternativa concreta e viable", manifestou Núñez Feijóo, que acusou ao Executivo de Pedro Sánchez de desencadear esta situación coas súas "ocorrencias".

"Calquera decisión política ten consecuencias e hai xente detrás", engadiu o máximo mandatario autonómico, que instou aos membros do Goberno central a dicir ás 750 familias que viven desta central "como van solucionar a súa día a día".

No seu discurso ante a xunta directiva do seu partido, Núñez Feijóo recalcou que nas Pontes "estaban a traballar para cumprir taxativamente o que pide a UE" nas súas normativas ecolóxicas e lamentou que este peche vaia levar á comarca de Ferrolterra a pasar "outra das peores décadas" logo da reconversión do sector naval.

Por todo iso, declarou que, en Galicia, o PSOE fai seu o refrán da "Galicia rogando, pero co mazo dando", e esixiu ao Executivo central que devolva os empregos perdidos por mor das súas decisións e que solucione "os problemas que crearon" coa súa xestión.

"A parálise e incompetencia durante un tempo non se notan, pero durante moito tempo son letais", resolveu o presidente do Goberno galego, que tamén trasladou a súa preocupación polo futuro de sectores como o naval ou a automoción.

"Se o bipartito foi malo, o cuadripartito, peor"
Feijóo considera que "non habería tila suficiente no mundo" para poder durmir cun goberno cuadripartito dos partidos que actualmente conforman a oposición galega á fronte do Executivo autonómico.

"Se o bipartito foi malo, o cuadripartito peor", insistiu ante a xunta directiva do seu partido un Núñez Feijóo que fixo súas as palabras expresadas pola deputada socialista Pilar Cancela sobre o goberno de coalición en Galicia formado por PSdeG e BNG durante a pasada década.

"ñE curioso que dez anos despois se recoñeza o que pasaba dez anos antes", comentou o titular da Xunta, que, en todo caso, dixo alegrarse de que en relación a este tema se terminou impondo "o sentido común".

Por iso, e en contra da alternativa que conforman "BNG, PSDEG, a delegación de máis Madrid en Galicia e Podemos", Núñez Feijóo quixo subliñar que "hoxe a vangarda da política e da xestión márcase en Galicia".

Comentarios