Opinión

Fillos de pais con pin

Deberíamos afastar do pensamento expresado en crúas palabras das relacións entre pais e fillos entendidas como propriedade: «os fillos son da miña propriedade», dixo un humano bípede. Tratar este asunto é obxectivamente contribuír á difusión de ideas—lixo tan sumamente retrógradas que xa tiñan morto na noite dos tempos. Mais é certo que canto máis falaces son as consignas máis prenden no ideario colectivo —de certos sectores sociais— e acaban comportándose como normas éticas de moral igualmente colectiva. Por iso paga a pena tratar o tema.

Despois dos últimos resultados eleitorais teñen difusión mediática as proclamas de grupos de cidadáns ancorados nun pasado ideal (no sentido de que só existe na idea de quen o formula) que difunde nocións das cousas cívicas realmente curiosas, por non dicer cavernícolas: declararon que os fillos son propriedade (sic) dos pais e que, ao ser así, os pais teñen dereito de veto sobre os contidos que o ensino público e universal proporciona aos seus fillos. Para garantir o exercicio deste suposto dereito, os nenos irían acompañados dun protocolo de contidos prohibidos a estudar no ensino público, por se trataren de contidos nocivos para a súa formación moral, no entendemento de propriedade dos pais.

Chegados a este punto, e unha vez formulada por escrito a dita proposta, é tal o grau de burramia que encerra que semella inútil calquera consideración a serio da dita proposta; por iso imos tomar a tanxente do humor e tratar de formular unha outra viábel teoricamente para satisfacelos. Así, o ministerio correspondente, mellor dito, a consellaría adecuada, xa que o ensino público é competencia autonómica, deberá convocar probas de acceso ao corpo de profesores por segmentos: a) oposiciónconcurso público de prazas para profesores que poidan ensinar que a terra é plana, b) idem para as/os profesores que defendan que as mulleres son inferiores aos homes e forman parte da súa propriedade, c) outro grupo para aqueles que estean en condicións de ensinaren que o cambio climático é unha invención, d) outro para aqueles que defendan que hai razas humanas e que son clasificábeis xerarquicamente sendo a branca a primeira, e) outro para os profesores que poidan ensinar que sempre houbo ricos e pobres e que o destino por grupo é divino, f) outro grupo para profesores dispostos a darlle aulas só a persoas con discapacidade, e non mesturalas con outras...; a listaxe poderíase continuar con todas as ocorrencias que a uns pequenos proprietarios de nenos se lles poida ocorrer. E, finalmente, oposicións para profesores do século XXI con formación e capacidades excelentes para contribuíren a formar futuros cidadáns decentes.

Aquí topamos cun problema difícil de solventar: pode un aspirante a formar parte do profesorado concursar en todos os grupos? Que farán os proprietarios de nenos que non atopen no seu distrito un centro escolar con profesores adecuados á súa ‘ideoloxía’? Como debe ensinar un docente que saiba que a terra é redonda? Son moitas as dúbidas que xorden, non parece viábel a execución da proposta nen no absurdo. Non vai poder ser.

Comentarios