Imprimir

A Fiscalía investiga se Ana Pontón inxuriou á Coroa

Efe | 09 de agosto de 2020

Ana Pontón. EFE
Ana Pontón. EFE
O BNG carga contra a decisión de abrir dilixencias para analizar se a expresión "os Borbóns son ladróns e corruptos" é constitutiva de delito

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cargou este domingo contra a decisión da Fiscalía da Audiencia Nacional de abrir dilixencias de investigación para analizar se a expresión "os Borbóns son ladróns e corruptos", da portavoz nacionalista Ana Pontón, é constitutiva de delito e procede presentar unha querela.

Segundo publica este domingo o diario ABC, a Fiscalía da Audiencia Nacional tamén investiga expresións similares pronunciadas por Pere Aragonés (ERC) e Teresa Rodríguez (Adelante Andalucía) por mor das denuncias formuladas pola asociación Concordia Real Española, que considera que estas declaracións poderían supor un delito de inxurias "á Coroa".

A Executiva Nacional do BNG emitiu o pasado luns un comunicado reclamando investigar "a corrupción da Casa Real" e "xulgar aos Borbóns" polas súas actuacións "con todas as consecuencias penais e políticas".

Neste mesmo sentido pronunciouse o pasado 25 de xullo na manifestación polo Día da Patria a portavoz nacional, Ana Pontón, que entón se comprometeu a "non parar ata que se xulgue aos Borbóns por corruptos e ladróns", xa que os galegos son "cidadáns libres, non súbditos de ningún rei".

"Non hai incenso nin botafumeiro que tapen a podremia da casa real", apuntara Pontón desde a Praza da Quintana, en referencia á participación do rei Felipe VI na ofrenda ao Apóstolo ese mesmo día a escasos metros, en San Martiño Pinario. 

Para Néstor Rego, deputado no Congreso do BNG, coa noticia da apertura de dilixencias por parte da Fiscalía da Audiencia Nacional "por dicir o que todos sabemos, que os Borbóns son ladróns e corruptos" demóstrase que o chaman democracia e "non o é", tras o que avoga pola "República Galega".

Tamén afíns ao BNG, como o escritor Suso de Toro mostraron o seu malestar en redes sociais por esta decisión da Fiscalía contra dirixentes destas tres formacións políticas. "Pretenden ilegalizar definitivamente os partidos republicanos que quedan? Chámenlle democracia se queren, pero non o é", conclúe.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/galicia/fiscalia-investiga-ana-ponton-inxuriou-coroa/20200809160254082938.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)