As galegas saen á rúa para reivindicar igualdade

Vigo, A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela rexistraron as manifestacións máis multitudinarias

Manifestación en Santiago. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Manifestación en Santiago. XOÁN REY (EFE)

Miles de mulleres percorreron este xoves pola noite as rúas das principais cidades galegas para reivindicar a igualdade coincidindo co Día Internacional da Muller e para protestar contra a brecha salarial, a precariedade laboral e a violencia de xénero. Convocadas polos movementos feministas e apoiadas polos principais sindicatos, movementos sociais e culturais e partidos da oposición as marchas máis multitudinarias se han rexistrando en Vigo, A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, que tiveron problemas para arrincar debido ao gran número de persoas que congregaron.

De feito en Vigo a cabeceira quedou encapsulada pola cantidade de xente que se colocou diante e tapou a pancarta principal e na Coruña tiveron que variar o percorrido. Sen atreverse a ofrecer datos pechados, os organizadores falan en Vigo de varias decenas de miles, mentres que a Policía local cifrou en máis de 40.000 os asistentes.

De todos os xeitos, persoas que asistiron á manifestación comentaron que é unha das máis multitudinarias dos últimos anos, o mesmo comentario que se escoitou na Coruña ou en Ourense, por exemplo.

Na Coruña, onde a saída se adiantou unha hora respecto ao resto de convocatorias, a Policía Local cifrou en máis de 33.000 persoas os asistentes ás dúas marchas convocadas, xa que finalmente nesta cidade non houbo manifestación unitaria. A principal partiu ao sete do Obelisco e percorreu A Mariña para finalizar na Praza da Constitución, á que asistiron 22.000 persoas, segundo as mesmas fontes.

Ademais, outra manifestación saíu da Praza de Pontevedra e discorreu por San Andrés en dirección á Praza de España, secundada por 11.000 persoas. Moitas participantes tinguíronse de violeta e portaron decenas de pancartas, perrucas, paraugas ou panos desa cor mentres coreaban consignas como "Eu son feminista" e "Non nos mires, únete".

Tamén acudiron representantes políticos, entre eles o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, de entidades sociais e sindicais. En todas as rúas de Galicia gritouse: "Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé", "Contra o patriarcado feminismo organizado", "Estamos fartas de ser asasinadas" e "Ata os ovarios de traballos precarios", entre outros berros reivindicativos.

Na capital galega, tamén sen datos oficiais, varios miles de persoas congregáronse e saturaron os arredores da praza 8 de marzo, nas inmediacións de Bonaval, e percorreron o traxecto ata a praza do Obradoiro.

Alí, entre outros dirixentes, púidose ver á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e ao portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Outros dirixentes como o tamén socialista Gonzalo Caballero ou o portavoz de En Marea Luís Villares participaron pola mañá nas concentracións convocadas.

Outra das cidades onde a marcha foi masiva é en Ourense, onde entre 15.000 e 20.000 persoas, segundo a Policía Local, encheron a praza Maior e quedáronse nos arredores ante a imposibilidade de entrar.

Durante o día convocáronse concentracións en máis de 40 localidades galegas que foron secundadas masivamente, do mesmo xeito que os paros parciais convocados polos sindicatos maioritarios -CCOO, UXT e CIG- que cualificaron á xornada de "histórica" e de "éxito".

As secretarias de muller de UXT e CCOO, Mónica Rodríguez e Mamen Sabio, respectivamente, consideran que a data é "histórica" e marcará "un antes e un despois" na loita pola igualdade.

A secretaria de Mulleres de CIG, Margarita Corral, tamén considerou o día histórico e emprazou aos gobernos do PP en Galicia e Madrid a adoptar todas as medidas necesarias para que as demandas que durante toda esta xornada se fixeron sexan atendidas. Outras concentracións producíronse na sede central do Goberno galego en Santiago, onde baixo a lema "Iguais e libres" os integrantes do Executivo autonómico encabezaron unha concentración.

Na conferencia de prensa posterior á reunión semanal do Executivo, Alberto Núñez Feijóo asegurou que a causa da igualdade é unha "compartida por todos" e mostrou o seu "absoluto respecto" para todas as mobilizacións que se produciron, así como tamén o pediu para aqueles que entenderon "non procedente" secundar as mesmas.

Tamén se concentraron ante as portas do Parlamento galego deputados do PP e do PSdeG, mentres que os de En Marea e BNG optaron por acudir a outras concentracións.