Gómez-Reino afirma que a Feijóo só se lle derrota "en común"

O candidato de Galicia en Común protagonizou un acto de campaña en Nigrán
Antón Gómez-Reino. EP
photo_camera Antón Gómez-Reino. EP

O candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, pediu este martes o voto para a súa formación porque, remarcou, ao actual presidente galego e aspirante á reelección, Alberto Núñez Feijóo, só se lle derrota "en común".

Esta tarde nun mitin na localidade pontevedresa de Nigrán fixo un chamamento a encher de ilusión as urnas o vindeiro domingo para derrotar, en común, a Alberto Núñez Feijóo".

Gómez Reino destacou as potencialidades que podería ter un goberno progresista á fronte da Xunta que evitaría o "espolio do territorio" que padece Nigrán e os núcleos do seu ao redor.

A este fío, a candidata número 2 pola provincia de Pontevedra, Iria Figueroa, cargou contra o "modelo turístico estilo marbellí que implantou e segue defendendo o Partido Popular especialmente nas Rías Baixas, sen preocuparse das condicións laborais das persoas que se dedican á hostalería".

Fronte a iso, prometeu que a partir do 12 de xullo a súa formación accederá ao Executivo galego co obxectivo "de mellorar as condicións deste persoal e da xente nova da comarca e do país".

Pola súa banda, o número 3 pola provincia, Marcos Cal, pediu confianza porque a pesar da opinión xeneralizada dun Feijóo invencible "hai unha maioría de galegos e galegas que, a pesar do relato interesado dos medios, quere un cambio político no país".

Con carácter previo a este acto central, os candidatos reuníronse coa Plataforma pola protección da Foz do Miñor, composta por máis de 25 colectivos e que levan desde o 2016 reclamando o saneamento desta zona, que forma parte da Rede Natura 2000.