O ata agora alcalde de Cerceda, José García Liñares, presentou este xoves a súa renuncia como rexedor, segundo informou a televisión municipal e segundo avanzara, a través do mesmo medio, o día anterior.
O primeiro tenente de alcalde, o socialista Juan Manuel Rodríguez García, será o rexedor provisional ata a celebración dun pleno no que a corporación elixirá ao novo alcalde, un cargo para o que os socialistas, con maioría na corporación, optaron xa por Rodríguez García. Tamén deberá tomar posesión do seu cargo o novo edil socialista que entrará na corporación, Ángel Gestal.
García Liñares, que gobernou o municipio durante case 25 anos, xa anunciou o pasado 14 de xaneiro a súa dimisión tras confirmarse a súa inhabilitación durante oito anos por un delito de prevaricación administrativa.
O anuncio produciuse unha semana despois de que a sección primeira da Audiencia coruñesa ratificase a condena a oito anos de inhabilitación ao ata este xoves rexedor por "irregularidades" na contratación das obras do xardín botánico.