Lanzan unha nova Estrella Galicia con tres tipos de lúpulo de colleita propia

Trátase unha cervexa Lager do estilo India Pale (IPL), en lugar da popular Ale (IPA)

Estrella Galicia lanza por primeira vez ao mercado a Galician India Pale Lager, unha cervexa elaborada con tres variedades de lúpulo de colleita propia -Magnum, Perle e Cascade- cultivados en Galicia, informa a compañía.

Trátase unha cervexa Lager do estilo India Pale (IPL), en lugar da popular Ale (IPA), que mostra "a súa propia personalidade, experiencia e saber facer neste tipo de fermentación", cuxo proceso de creación está monitorizado con tecnoloxía blockchain nun proxecto piloto pioneiro a nivel mundial.

Coa mestura das tres variedades de lúpulo, o resultado obtido é unha cervexa de cor ámbar con coroa de espuma branca e cremosa, mentres que ten un sabor doce que dá paso a un amargor resinoso, pináceo e longo.

A súa fase olfativa vén marcada polo lúpulo, con aromas frescos, florais e cítricos e, en segundo plano, aparecen as maltas que achegan certo perfil endulzado.

Un laboratorio acreditado realizou as análises que permitiron certificar a súa orixe galega

Nesta ocasión SGS España recolleu mostras do lúpulo nos campos de cultivo de Hijos de Rivera en Mabegondo (A Coruña) e dos lotes empregados en produción.

A continuación, un laboratorio acreditado realizou as análises que permitiron certificar a súa orixe galega e o proceso completo de colleita e análise foi cifrado baixo blockchain nun desenvolvemento piloto.

Segundo asegura a entidade, a tecnoloxía blockchain garante que a información mostrada foi introducida e verificada polo provedor e o laboratorio, mostrando unha información 100% veraz ao consumidor.

Comentarios