"Se lle gustaba dar medo, estaría encantada comigo; porque me tiña acolloado"

Elton John publica as súas memorias nas que debulla unha infancia sen afecto, as súas adiccións ao alcol e a cocaína e as súas extravagancias
Elton John, coa súa nai, Sheila Farebrother. EP
photo_camera Elton John, coa súa nai, Sheila Farebrother. EP

De "catarse" tachou Elton John a escritura de Eu, a súa primeira autobiografía, na que non furta ao lector nin unha infancia carente do afecto dos seus pais nin o abusivo consumo de alcol ou cocaína que non impediron que se convertese no artista masculino con maiores vendas.

"Se lle gustaba dar medo, debía de estar encantada comigo, porque me tiña acolloado. Queríaa -era a miña nai-, pero pasei a miña nenez nun estado de máxima alerta, sempre intentando asegurarme que non fixese nada que a provocase", narra nas primeiras páxinas da obra, publicada o pasado na súa versión en español.

É só unha das ocasións nas que a súa proxenitora, Sheila Farebrother, aparece en Eu como unha das figuras máis castrantes e á vez determinantes da conformación do seu carácter, "testarudo e irascible" como ela.

"O outro efecto duradeiro foi o medo á confrontación. Duroume décadas. Permanecín en relacións profesionais e persoais adversas só por evitar o conflito", reflexiona quen rememora anos de contacto con persoas tóxicas como o seu exmánager e examante John Reid.

Do seu pai escribe: "Non era dado ao contacto físico e nunca che dicía que te quería. Pero gustáballe a música, e se me oía tocar o piano, recibía un "parabén" (...). Por un tempo estivo contento comigo. E telo contento era importante para min", relata desde a perspectiva do pequeno Reg Dwight.

Porque esta é sobre todo a historia daquel neno carente do afecto dos seus pais, pero que creceu fortemente imbuído polo seu gusto musical, en shock desde o día en que o disco dun tipo estralafario de nome Elvis Presley chegou a casa.

Conta a lenda familiar que a súa tía Win sentouno no seu colo con tres anos e sacou de oído a melodía de The Sakter s Waltz. "Sinxelamente nacín con oído musical, como outros nacen con memoria fotográfica", apunta.

Pero antes de todo iso, desde o prólogo mesmo, o coautor de Your song repasa como foi o encontro con quen realmente cambiou o destino da súa carreira, Bernie Taupin, letrista da maior parte dos seus éxitos, e como a pesar das súas inseguridades tomou a decisión de converterse el mesmo en intérprete tras asumir o alias artístico de Elton John.

Coa mesma transparencia coa que tivo que enfrontarse á súa rehabilitación do alcoholismo, o músico profunda nos seus anos de excesos e recupera con ánimo autocrítico, conscientemente caricaturesco, aquela noite na que ebrio de poder chamou á súa discográfica para que "fixesen algo con aquel vento tan forte" que lle impedía durmir.

"Son perfectamente consciente do ridícula que é a miña vida", chega a dicir nun libro en que se recorda "masturbándose nunha bata completamente cuberta de vómito" ou, tras décadas na cúspide, escribindo cancións "sobre un xabaril que se tiraba moitos peidos" para O rei león.

E aínda que el mesmo é a principal vítima da súa historia, hai suculentas pinceladas alleas, como a da cea na súa casa na que Sylvester Stallone e Richard Gere rivalizaron pola atención da súa íntima Diana de Gales.

Máis serio se pon ao recordar como Michael Jackson "perdera totalmente a cabeza" ata converterse nun "enfermo mental" nos últimos anos da súa vida ou como a súa estivo a piques de terminar por un cancro de próstata.

Comentarios