Morre José Luis Cuerda aos 72 anos

O cineasta faleceu despois dunha longa enfermidade que se acentuou ao terminar a súa última película
José Luis Cuerda. EFE
photo_camera José Luis Cuerda. EFE

O cineasta José Luis Cuerda, director, produtor e guionista de cine faleceu este martes aos 72 anos na súa casa de Madrid, segundo confirmaron a Efe fontes familiares.

O director de Amanece que no es poco (1989), película de culto que pasou á historia do cine español, rodou a súa última cinta, continuación desta, Tiempo después en 2018.

Cuerda (Albacete, 1947) é coñecido tamén por dirixir as adaptacións de La lengua de las mariposas (1999) e Los girasoles ciegos (2008) e por producir as primeiras películas de Alejandro Amenábar, Tesis (1996) e Abre los ojos (1997).

O cineasta faleceu despois dunha longa enfermidade que se acentuou ao terminar a súa última película, á que dedicou os últimos anos da súa vida e que puido rodar grazas ao apoio dun grupo de cómicos devotos do seu cine, encabezados por Arturo Valls que exerceu de produtor.

Dono dun afiado, disparatado e moi persoal sentido do humor, na súa última entrevista con Efe renegaba da etiqueta do "surrealismo" porque o surrealismo "é o automático, o sen cálculo nin medida, e iso en cine non pode ser". 

ENAMORADO DE GALICIA. Cuerda tiña un forte vínculo con Galicia. O cineasta mercou unha bodega do século XV en Gomariz, no municipio ourensano de Leiro, onde lle gustaba refuxiarse entre rodaxe e rodaxe. Varias localidades galegas foron ademais escenario de dúas das súas películas.

Comentarios