Nace DATAlife para converter Galicia en biorrexión "de referencia en Europa"

O proxecto que lidera Bioga ofrecerá a súa carteira de servizos dixitais para axudar a crecer en innovación a 3.700 empresas
Carme Pampín, presidenta de Bioga
photo_camera Carme Pampín, presidenta de Bioga. ARQUIVO

O obxectivo é "converter a Galicia en biorrexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos da rexión". Con esa meta nace DATAlife, o hub de innovación dixital que lidera o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), e que este martes foi presentado pola súa directiva —vía online— aos axentes innovadores e aos protagonistas dos sectores produtivos aos que vai dirixido. E eses son a biotecnoloxía, mar-industria, agroalimentación, forestal e saúde.

O obxectivo da iniciativa é "facilitar a incorporación da intelixencia artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados á bioeconomía e a saúde", segundo apuntou Lucía Castro, xerente do hub. O proxecto, con sede no edificio Emprendia en Santiago, diríxese a tres focos estratéxicos: biorrecursos, sustentabilidade e saúde, e ofrecerá servizos de intelixencia artificial, internet das cousas, big data, ciberseguridade e computación de altas prestacións, con pemes vinculadas aos cinco sectores produtivos aos está orientado.

DATAlife, que xa está inmersa na elaboración da súa carteira de servizos, nace para "axudar a crecer en competitividade a 3.700 empresas que traballan en cadeas de valor" que "representan o 19,4% do valor engadido bruto (VAB) de Galicia" e preto de 70.000 "empregos". 

A presidenta do DATAlife e tamén presidenta de Bioga, Carme Pampín, destacou que o proxecto se apoia no liderado sectorial, a través de sectores clave en Galicia; no liderado tecnolóxico, conformado polos centros de competencia galegos; e no liderado empresarial, representado por empresas tractoras de Galicia". 

Xunto a Bioga, que abandeira o proxecto, son tamén socios fundadores Anfaco-Cecopesca, Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, Clúster Saúde de Galicia (CSG), Finsa, Centro Tecnolóxico de Comunicacións-Gradiant, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Televés, Cluster TIC Galicia, Cluster da Acuicultura de Galicia e Grupo Zendal. En 2020 incorporáronse o Centro Tecnolóxico Energylab e a Fundación Feuga. 

O Acordo da Sionlla senta as bases do Polo de Innovación en Biotecnoloxía de Santiago 

Autoridades no acto do 'Acordo dá Sionlla'. CONCELLOPOLO DE INNOVACIÓN. Tamén este martes, os integrantes do chamado Acordo da Sionlla deron un paso máis cara á constitución do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se situará nese parque empresarial da capital galega, para facer da cidade e Galicia "referentes" no sector no ámbito internacional e en todo o Estado. 

A reunión celebrouse no Centro Empresarial do Tambre, coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, José Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés. 

O proxecto agrupará todos os axentes (empresas, centros de investigación, investidores, emprendedores, etc) nunha mesma contorna para o "desenvolvemento de novos negocios e a atracción de talento altamente cualificado". 

Comentarios