Opinión

Non era sen tempo

AS ILLAS DE Galicia son dunha beleza sen igual. Temos arquipélagos como o das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada formando o Parque Nacional das Illas Atlánticas e, dende a illa Pancha en Ribadeo ata onde o Miño se vai ao mar por Portugal, atópanse illas e illotes con enorme fermosura. No mesmo Cantábrico, bañadas por esas augas de tanta dozura, están tamén a Coelleira e a illa de San Vicente ou a praia das Illas na Devesa. De seguir mirando, andando, paseando ou navegando chegamos enseguida ás illas Sisargas, ao carón de Malpica; a Creba, Aguieira e, onde o Ulla chega ao mar, a illa de Bexo ou a de Tambo, xa na ría de Pontevedra.

Dende a illa Pancha en Ribadeo ata onde o Miño se vai ao mar por Portugal, atópanse illas e illotes con enorme fermosura
 

As illas de San Simón e San Antón, recantos para a memoria histórica. San Simón foi cárcere no período do franquismo, foi lugar para inspiración do trobador Mendinho e agora é sé de eventos culturais de diversos tipos, parada de intelectuais, académicos e artistas que se rodean de auga salgada para "arranxar o mundo" e para reivindicar que, dunha vez para sempre, se erradiquen os atropelos e se coñezan aos que atropelan. e, na zona de Baiona, as illas Estelas, un espazo protexido para aves, onde tamén traballan estudosos e científicos.

Quedan moitas sen citar, pero nestas datas, e coa súa benevolencia, quería referirme a unha insua, que "é unha illa no curso dun río". Neste caso, tampouco é iso. É a insua dos poetas, un magnífico e enorme recanto creado, mantido e coidado polo poeta Luís González Tosar, un dos grandes e presidente do Centro Pen Galicia. Alí naquela leira inmensa, na esgueva do Carballiño, zumega a poesía e a arte, sen auga salgada para curarse, pero con empanada e pulpo para, se é necesario, fartarse.

Nesta illa enmarcada por un río de emocións e sentimentos, a gran festa literaria, a festa da palabra e da poesía vai, ano a ano, marcando o camiño. o anfitrión sempre acerta nas persoas a homenaxear e neste ano 2019, sen dúbida. o agasallado foi o poeta ourensán, Antón Tovar Bobillo, un escritor marxinado polo franquismo, esquecido polos estudosos e autor de títulos tan interesantes como Barro de nadie, Arredores ou Non, que era verdadeiramente non; Berros en voz baixa, A nada destemida ou Cadáver adiado. A Tía Manuela díxoo claro, "non era sen tempo".

Comentarios