Opinión

A nova normalidade parécese á vella

A NOVA normalidade parecía que viña cargada de cambios porque o bicho aínda anda entre nós, pero á parte da asiduidade das máscaras, isto vaise semellando cada vez máis ao anterior. En educación partiuse dunha drástica redución de alumnos por aula cando se deseñaba o próximo curso pero ao fin todo parece indicar que comezará co que había ata agora, quizais porque a reestruturación conlevaría máis docentes, que a Administración non parece disposta a asumir. En sanidade, continúanse ofertando contratos de día ou de semana en listas sen actualizar a saber por que estraña decisión, cando durante a pandemia se aventuraba o fortalecemento dun sector de escasa estabilidade laboral, pero todo segue igual. E así emigran a outras comunidades ou estados profesionais preparados. Quizais tamén por non destinar máis recursos. Ou sexa, que moito aplauso e agradecemento de palabra, pero co tempo os feitos son similares aos da vella normalidade.

Comentarios