Opinión

Obras e desenvolvemento económico (I)

Cada vez que se plantexa unha nova obra, nomeadamente de infraestrutura, como é o caso do anuncio eleitoral dunha estación intermodal en Lugo, xorden un montón de opinións. Unhas son espontáneas, outras programadas convenientemente, e outras son manifestacións puras e duras de intereses vinculados a calquer actividade que semelle aparentar ‘movemento’. No caso que citamos, unha estación intermodal (bus/tren) concita opinións a favor polo simples feito de ser unha obra; detractores, como é o noso caso, por considerala innecesaria, non habendo tren ao que se embarcar, e defensores cegos que consideran que calquer obra é sinónimo de crecemento (chámanlle desenvolvemento).

A orixe do anuncio ten a ver no noso caso coa credibilidade do proxecto —se chega a se materializar—, co momento político eleitoral do anuncio, e mais co hábito pre—democrático de oferecer obras como se de agasallos se tratar, por obra e graza do poder político. Nesta idea considérase que o Goberno ten a ben nos obsequiar cunha obra e pola parte cidadá debemos buscarlle as vantaxes, á vez que manifestamos o noso agradecemento por sermos favorecidos con tal graza. E neste ambiente é no que, sen contestación cidadá, se dá un anuncio por parte dun Ministro en exercicio dunha obra da que só existe un anteproxecto. Lánzase así un globo sonda que favorece a creación popular dunha expectativa de mellora. Habendo certas carencias, e en plena precampaña eleitoral, un anuncio como este xoga a favor do partido no goberno xa que no preproxecto se consignan dotacións orzamentarias, se programan obras urbanas complementares, e se albisca no imaxinario colectivo unha alavanca de certo crecemento: aquí as ideas confúndense cos desexos.

Case todo o mundo desexa mellorar, resolver os problemas que impeden crecer como cidade e como país, case todo o mundo ve ben que nalgún momento os gobernantes manifesten preocupación e accións para lograr o benestar dos cidadáns, e case nengún está en condicións de manifestar —porque non se deu o caso— en sede institucional a súa opinión. E, así, escóitanse en ámbitos formais e informais opinións favorábeis á citada obra argumentando que logo virá o tren. Este é un desexo. Desexo que responde a unha necesidade. En Lugo non hai servizos de tren a case nengún lugar e o que existe é lento, caro, pouco frecuente; ergo, inservíbel. Non hai en Adif nengún proxecto presente nen previsto de dotar a Lugo de servizos ferroviarios hoxe, nen mañá nen pasado mañá.

A estación de Lugo —a de ferrocarril— non está entre as estacións estratéxicas de toda España que se inclúen nun plan de acción de infraestruturas. A Lugo non vai vir o Ave nunca, porque a Galiza non chegou nen chegará o Ave (Alta Velocidade Española) senón un servizo de Velocidade Alta, que non é o mesmo, e o principal, independentemente da velocidade, non imos poder ir en tren a medio prazo e cos mesmos plans actuais a case nengún sitio: proximidade, cidades galegas, costa lucense, viciños de Asturias, León e Portugal (Continuará).

Comentarios