Un home que se atopaba flotando no río Coroño, en Boiro, foi rescatado esta tarde por unha embarcación do Servizo Municipal de Protección Civil, na que foi trasladado ata o peirao de Escarabote.
Unha vez no peirao, o home foi atendido polos efectivos das 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizaron un helicóptero medicalizado no que foi evacuado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Os feitos sucederon ao redor das 14:00 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar dun home que flotaba no río Coroño e que non respondía os seus avisos.
O home foi evacuado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago
A partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia informou da situación da persoa aos Bombeiros de Boiro, a Protección Civil da localidade, á Policía Local, ás 061-Urxencias Sanitarias e á Garda Civil. Ademais, desde o 112 Galicia pasouse o aviso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
‼ Os servizos de emerxencia rescatan unha persoa no río Coroño, en Boiro. Foi trasladada ao peirao de Escarabote e atendida nun helicóptero medicalizado 🔽 pic.twitter.com/383EDgteNB
— G24 (@G24Noticias) July 29, 2019
Por outra banda, dous socorristas foron rescatados ilesos na praia de Combouzas, en Arteixo, a causa da forte ondada que lles impedía regresar a terra.
Segundo indicóuselle ao 112 Galicia, o persoal do Servizo Municipal de Protección Civil desprazouse nunha embarcación ata o lugar onde se atopaban os dous socorristas e achegounos ao Porto Exterior.
Ocorreu ao fío das 13:45 horas, mentres as dúas persoas realizaban prácticas no mar.
Nada máis ter constancia dos feitos, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que mobilizou un helicóptero de rescate aínda que, finalmente, descartouse a súa intervención.
Ademais, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso á Garda Civil, á Policía Local, a Protección Civil de Arteixo e alertaron, por precaución, ás 061-Urxencias Sanitarias.