Sanidade pecha Laracha e Vilalba e suaviza as restricións no Carballiño

O municipio ourensán posto como 'modelo' dos niveis de restricións inaugura o proceso de desescalada 
Un agente de Policía Local habla con un hombre, durante un control de movilidad, realizado a la entrada la localidad de O Carballiño. EFE
photo_camera Un axente fala cun home, durante un contro realizado á entrada da localidade do O Carballiño. EFE

O municipio do Carballiño será o primeiro concello galego no que se suavizan as restricións, que se endurecerán a partir da medianoite deste sábado na localidade coruñesa da Laracha e en Vilalba, que pasan a formar parte dos municipios co grao máximo de medidas restritivas para combater o avance da pandemia. Así o acordou o subcomité clínico de expertos na súa reunión deste venres, na que decidiron que O Carballiño rebaixe o nivel de restricións e pase ao segundo escalafón, co que se permitirá a entrada e saída do termo municipal e a reapertura, con limitacións, dos negocios de hostalaría. 

Por contra, A Laracha e Vilalba sumaranse nas próximas horas ao resto de 67 municipios galegos en nivel 1 de restricións. O municipio coruñés incorporarase ao peche perimetral que impera na comarca de Bergantiños desde a pasada fin de semana e que afecta os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpicade Bergantiños e Ponteceso.  De feito, A Laracha era o único municipio que quedara fóra do peche de toda a comarca de Bergantiños, decretado hai unha semana polo subcomité clínico. 

Tamén pasa ao nivel 1 de restricións o concello lugués de Vilalba, un das localidades da provincia luguesa onde a evolución epidemiolóxica estaba a ser observada con detemento por parte de Sanidade tras o gromo na residencia de maiores.  Así mesmo, o subcomité clínico reforzará o seguimento nas localidades de Ribeira (A Coruña) e A Rúa (Ourense), que, polo momento, continuarán co mesmo nivel de restricións, é dicir, o nivel 2.

PRIMEIRO EN SAÍR DO NIVEL 1. Así as cousas, O Carballiño convértese no primeiro municipio galego que baixa do nivel 1. A mediados de outubro, a localidade ourensá foi pioneira no paquete de medidas que despois foron levadas a máis de 60 municipios. Sinalado como 'modelo' das restricións por parte da Administración autonómica, o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntara nos últimos días a posibilidade de que O Carballiño abandonase o grao máximo de restricións. 

A decisión, como apuntou o pasado mércores o responsable do Goberno galego, débese á evolución positiva no plano epidemiolóxico pero tamén a outros factores como o feito de que se trate dun concello "illado" encadrado nunha área con pouca incidencia da covid. 

As medidas quedarán recollidas nunha orde que o Executivo autonómico prevé publicar na tarde do venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) e serán efectivas a partir das 00,00 horas do sábado.

Comentarios