A Semana Santa arrinca co carburante máis caro en cinco anos

Encher o depósito de diésel en Galicia custa 3,4 euros máis que ao comezo da Pascua pasada

Poco más de 40 establecimientos gallegos venden el diésel por debajo de los 1.2 euros. J.J GUILLEN (EFE)
photo_camera Unha gasolineira. EFE

Os condutores galegos que estes días vaian sacar o coche do garaxe para gozar do descanso de Semana Santa atoparanse ao encher cos prezos máis altos desde a Pascua de 2014. Hai, por tanto, cinco anos que os carburantes non estaban tan caros no arranque desta festividade. Con respecto á de 2018, que caeu a finais de marzo, encher un depósito medio de 55 litros con diésel custa 3,4 euros máis de media na comunidade, exactamente 69,5 euros. A diferenza é pouco menor no caso da gasolina, de 3,1 euros, pois para que a agulla do marcador suba ata o seu tope hai que desembolsar 73,7 euros

Son as cifras que se obteñen a partir dos datos de prezos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica recolle a diario entre máis de 600 estacións de servizo galegas e os que vai gardando a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) cada ano. Os cálculos indican que o litro de gasóleo dispénsase agora a unha media de 1,264 euros -lonxe da media dos 1,021 aos que se vendía en Semana Santa de 2016, cando era posible atopalo mesmo por baixo do euro-. E se se enche nos surtidores máis caros de Galicia, os de Repsol en Santiago e municipios da contorna, o custo elévase a 1,319. 

No caso da gasolina, que está a comer terreo ao gasóleo entre os vehículos que se incorporan ao parque móbil pola demonización deste carburante, o litro está a 1,34 euros de media, cando na Pascua de hai tres anos situábase en 1,154. En algo máis dunha ducia de estacións de servizo mesmo supera agora os 1,4 euros, todas elas situadas tamén en Compostela e localidades veciñas baixo a marca das petroleiras Repsol, Shell e Cepsa.

Un estudo estima que as estacións de servizo en España incrementarán a súa facturación en case 30 millóns esta Pascua

A cotización do cru é, precisamente, a que marca o paso sobre o prezo nos surtidores. O barril de Brent -de referencia en Europa- móvese na actualidade na contorna dos 71 dólares, o seu nivel máis alto desde novembro e lonxe dos 27,9 dólares que chegou a marcar en xaneiro de 2016. Nun contexto no que os grandes países produtores limitaron o bombeo de ouro negro para evitar caídas no seu prezo, os carburantes encadean semanas con alzas para o consumidor. 

INGRESOS. Esa tendencia contribuirá a que o negocio das gasolineiras esta semana Santa supere o da pasada. Un estudo do provedor de pagos UniversalPay mesmo achega unha cifra estimativa sobre o aumento da facturación do sector esta Pascua tras analizar 4.000 estacións de servizo en España: serán case 30 millóns máis que na de 2018. Na provincia de Lugo, o aumento dos ingresos das estacións de servizo será, en termos relativos, do 7,52%, o máis alto en Galicia. Máis aló do custo dos carburantes, inflúe o tránsito de vehículos que se esperan nestas datas. 

Os condutores poden aforrar algo de diñeiro se priorizan o prezo á hora de elixir gasolineira, pois encher o depósito de diésel na máis económica da comunidade -a low cost de Supeco en Vilagarcía- costa 14,3 euros menos que nas máis caras. 

A equiparación este ano do tramo autonómico do imposto de hidrocarburos no tipo máximo, os 4,8 céntimos que xa se pagaban por litro en Galicia, fixo que xa non sexa a comunidade española máis cara para encher.

Comentarios