Imprimir

Senlleiros

Manuel Gago |

Manuel Gago | 15 de septiembre de 2020

Nas fábulas antigas os animais sempre aparecen de maneira singular, como representantes dun clon universal. Son bichos solitarios. Pero cando a literatura tenta facer o mesmo, o resultado pode ser exasperante
VISTA

VIVO nunha fábula. Todos os bichos que rodean a miña casa da Estrada son en singular, coma personaxes de Esopo. No río vive unha troita. Cando marchamos uns días de viaxe, diante da porta da casa instalouse un sapo, que levou un bo chasco cando nos veu retornar. No remanso do río que linda as nosas terras habita unha troita que engorda día a día. Un paporroibo entra polo corredor da casa e pasa para a cociña a picar nos restos de ensalada. Un gran lagarto espía desde fóra das xanelas. E sobre nós pasa o día patrullando o prado da casa unha lagarteira. Sospeito que é esta rapaz, solitaria e abondo voraz, a responsable de tanta individualidade. A lagarteira despacha calquera posible incremento biolóxico, pero todas eses individuos de fábula que enumerei —agás se cadra a troita— sobreviven precisamente por viviren ao noso abeiro.

TACTO


Leo con interese ‘El último verano en Roma’, de Gianfranco Calligarich (Planeta, 2020). Hai novelas que escolles como unha sorte de compensación do que un querería ser, ou do lugar no que un querería estar. Pero a novela non te debe levar ao lugar que ti coñeces: senón onde ti non estiveches. Para o caso, esa Roma sen sandalias de Decathlon nin bermudas multipetos e porcións de pizza ‘margherita’ que se comen de pé na espera dunha cola. Vén aquí a colación pola individualidade da que falaba antes: a novela está moi ben escrita e é recomendable, aínda que lle teño unha crítica moi subxectiva: a personaxe principal, Leo Gazzarra, é o clon insufrible do arquetipo literario europeo do século XX. Se no XVII foi o pícaro pobre, e no XVIII e XIX o aristócrata despilfarrador, o protagonista plúmbeo da novela continental desde 1942 en diante é o indolente inane sen obxectivo vital, solitario e inútil coma un cactus, e que ademais pincha.

GUSTO


A esta tipoloxía de personaxe camusiana pásalle como aos viños aos que lles entra a cortiza: unha vez que se te mete nas foxas nasais xa non o das quitado do gusto. De feito, crin seguir o seu ronsel nun libro ben distinto: ‘El etrusco’ de Mika Waltari (Edhasa, 2000). Custoume decatarme de que non caera no mesmo pozo: o seu protagonista, Lario Turmo, conseguía atopar un destino para si mesmo, ou o que é o mesmo, unha orixe. Na terrible relación entre Turmo e a súa muller Arsínoe, na incapacidade de resolver o drama dese matrimonio ao que asistimos impotentes, cría percibir ecos destas personaxes-cortiza, que estancan as novelas coa súa inanidade egocéntrica; mentres todo esmorece eles prenden outro pito. Arredemo, ou destrúe ti tamén, ou loita contra a destrución!

OÍDO


Pero finalmente ‘El etrusco’ non é así. Lembrouma Jacinto Antón en El País, e acudín a ela con curiosidade. O único que lera de Mika Waltari fora aos doce anos: ‘Sinuhé o Exipcio’, unha novela tan melancólica como fermosa. Que abraiante é recoñecer un estilo, ou máis ben un pensamento, vinte e tantos anos despois. Lario Turmo o Etrusco rememora, como Sinuhé, ao final da súa vida. Mirar en retrospectiva adoita abrandar as aristas, agás nos escritores amargados que aproveitan ata a máis modesta mesa redonda de asociación cultural para axustaren contas contra o mundo —ou sexa, contra os xurados literarios—. O máis valioso da novela, con todo, é a mestría en recrear unha racionalidade ‘alternativa’. Explícome: as personaxes tentan xustificar os seus actos a partir da suposta comunicación cos deuses. Por suposto, válense da súa liberdade individual para tomaren decisións, pero negan a súa existencia. Son os deuses quen deciden e ordenan a través do mundo: cae unha folla, cruza un paxaro, érguese un vento no serán, esbírrase ao marchar ao sol. A liberdade camúflase como destino.

OLFACTO


Que sentido ten o mundo cando non hai sentidos posibles? Unha vez no Courel falei con Xan de Vilar, o último habitante da aldea homónima. Pasaba dez meses ao ano só na compaña dun castro, que pode ser un gran activo cultural pero tamén un enorme pasivo social. "Xa cheira", dixo de súpeto. "O que?", preguntei. "O xabarín". Díxoo así, en singular, como na fábula. Souben que no Vilar habitaban un home e un porco bravo. Xan pasoume a detallar as diferentes estratexias de exterminio (inútiles) contra o seu veciño. Levaba no asunto moitos anos, sen éxito. Eran coma o Coiote e o Correcamiños! Pero Xan de Vilar, alma condenada á soidade demográfica, non era inane como o estranxeiro de Camus ou o Leo Gazzarra de Calligarich. "Que che fai o xabarín, Xan?", pregunteille. El encolleuse de ombreiros. Non lle facía nada, en realidade. Pero aínda así tiña que exterminalo. Pedín que me explicara as trampas e reparei nunha marabilla. Xan coñecía tan ben a aquel xabarín que sempre incluía nas trampas, de serie, un xeito de que o animal puidera evitalas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/blog/manuel-gago/senlleiros/20200915202410084449.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)