Opinión

Tamén as palabras

Aquel poeta inmenso, Miguel Hernández, escribía desde a cadea ferido de tise, magoado de ausencias, desesperadamente esperanzado a anainar na distancia o fillo coas Nanas de la cebolla. Sangue de cebola contra a fame. Consignas para sobrevivir nun mundo inxusto. Invocación á risa como defensa. Dobre lúa do peito, esa capacidade de albergarmos a ledicia a carón da tristeza. Escribía un home, un home bo, á beira da morte. Non había lugar para as insidias.

A experiencia do absurdo da guerra, na que el mesmo participara tomando as armas para defender as clases desfavorecidas, eternas vítimas dos poderosos, queda reflectida nestes versos do seu derradeiro e incompleto libro, Cancionero y romancero de ausencias, no poema Tristes guerras: "Tristes armas / si no son las palabras".

Se en toda guerra a primeira vítima é a verdade e a mentira que a fere se conta con palabras, as palabras tamén son armas. Claro que o poeta de Orihuela se refería ao diálogo e non á confrontación. Secasí, con todo o respecto, debo desmentilo e darlle a volta ao verso: "Tristes armas / cando son as palabras".

Non simpatizo con Inés Arrimadas porque percibo demasiada carga de incomprensión e, por tanto, falta de empatía en todo o que di cando fala dos outros. Porén, congratúlome con ela polo fillo ou filla que agarda. Non entendo que haxa quen aproveite esta conxuntura para dicir auténticas barbaridades nas redes sociais. Sinceramente, pon pel de galiña tanta crueldade gratuíta.

Un dos maiores problemas do noso tempo, que deberá ser atallado, é o anonimato e os pseudónimos na rede. Non é que, se me afectan directamente, doan máis. Doen máis cando portan, cal serpes velenosas, gran cargamento de pezoña e agresividade, directamente proporcionais, adoito, á covardía e vileza de quen ceiba a pedra e esconde a man.

Como é posíbel que tantos anos despois da ditadura non entendamos que os contrincantes políticos non son inimigos, senón rivais? Por que en período electoral saen gratis calumnias, difamacións, insultos e sevicias varias? Son tan poucos corenta e dous anos cos seus días para comprender iso que chaman democracia? Non somos conscientes de que a xente nova está aprendendo, dun xeito vicario, que a política é iso?

Hai que lle volver o seu lugar á palabra. Ela foi a que nos fixo e segue a facer humanas, humanos, alén da pura bioloxía coa que nos funciona o corpo que nos mantén entre os vivos. É precisa a palabra verdadeira, esa que é arma, mais de futuro, como dixera Gabriel Celaya.

A poesía, parente do amor. Así remata o poema Miguel Hernández: "Tristes hombres / si no mueren de amores. //Tristes, tristes".

Comentarios