The Rolling Stones cantan ao confinamento na súa primeira canción nova en 8 anos

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera The Rolling Stones. ARQUIVO

The Rolling Stones publicaron este xoves Living in a ghost town, a súa primeira canción en oito anos, desde aquelas Doom and Gloom e One More Shot do seu recompilatorio GRRR! (2012).

Living in a ghost town é a súa forma de afrontar o confinamento e foi composta polo habitual tándem integrado por Mick Jagger e Keith Richards, e gravada en illamento en Los Ángeles e Londres.

"Estabamos a gravar material novo no estudo antes da corentena e había unha canción que pensamos tiña unha resonancia especial dadas as circunstancias que nos está tocando vivir", explica Jagger.

"A vida era moi fermosa, e entón tivémonos que encerrar. Sinto como unha pantasma, vivindo nun pobo pantasma", canta Mick Jagger nuns versos con evidentes ecos á crise global do coronavirus. O cantante aclara nunha entrevista co xornalista Zane Lowe de Apple Music que tiveron que adaptar lixeiramente a letra, pero destaca que quedou practicamente como a pensaron antes do confinamento.

"Rexistramos o tema hai un ano en L.A. para o noso disco novo, un proxecto no que seguimos traballando. Entón a merda salpicounos a todos e Mick e eu decidimos que a canción debía sacarse xa e aquí está", engade Richards.

O batería Charlie Watts apunta que o tema "recolle o estado de ánimo" xeneralizado en tempos de coronavirus, mentres Ron Wood remata: "Aquí temos un novo tema para vós que esperamos gocedes. É unha melodía cativadora".

O tema está gravado por Mick Jagger (voz/harmónica/guitarra/coros), Keith Richards (guitarra/coros) Charlie Watts (batería), Ronnie Wood (guitarra/coros), Darryl Jones (baixo) e Matt Clifford (teclados, trompa, saxo, fliscorno).

Comentarios