Trasladan á Fiscalía os vínculos de Javier Tebas co Fuenlabrada

Denegan a cautelarísima a Deportivo e Numancia, polo que Segunda División comezará este fin de semana
El presidente de LaLiga, Javier Tebas. AEP
photo_camera Javier Tebas. AEP

O Goberno puxo en coñecemento do ministerio público os vínculos do presidente de LaLiga, Javier Tebas, co Fuenlabrada, tras comprobar que os órganos competentes deste organismo e a Federación Española de Fútbol (RFEF) levaron a vía morta o asunto do Deportivo-Fuenlabrada.

Segundo informou o Consello Superior de Deportes (CSD) a EFE, "o ministerio de Cultura e Deporte decidiu porse en marcha tras estes feitos, e deu a instrución de acudir á xustiza o pasado venres".

O organismo indicou que "ao longo destas semanas fóronse sucedendo informacións preocupantes sobre os vínculos de Tebas e o Fuenlabrada", no que o seu fillo é secretario do Consello de Administración, "que xeraron alarma en numerosos ámbitos do sector deportivo".

O traslado do caso á Fiscalía prodúcese días despois de que o Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) resolvese o caso Deportivo-Fuenlabrada, ao considerar que só LaLiga ten competencia para investigar, o que invalidou o expediente aberto pola RFEF, cuxo instrutor propuxo o descenso do club madrileño.

Previamente o xuíz de disciplina social de LaLiga non percibiu feitos sancionables na viaxe do Fuenlabrada a Galicia con positivos de Covid-19 no persoal para disputar o partido da última xornada de Segunda, que foi suspendido no seu momento mentres se xogaron o resto de encontros, e celebrado posteriormente.

A decisión do TAD coñeceuse antes de que LaLiga rexeitase a formulación da RFEF e dos clubs Deportivo e Numancia, equipos que descenderon, de ampliar a Segunda división a 24 equipos, ao non haberse podido xogar en horario unificado a última xornada polos positivos do Fuenlabrada.

O Depor pediu a principios de agosto a inhabilitación de Javier Tebas pola súa actuación na suspensión do partido co Fuenlabrada, abuso de autoridade e a súa non inhibición nun claro caso de conflito de intereses.

O club recordou entón un escrito do ano pasado de Javier Tebas no que este comunicaba que se abstería en asuntos relacionados co Fuenlabrada. 

Ademais, segundo informa o Diario As, este luns o Xulgado central contencioso-administrativo de Madrid denegou, tanto a Deportivo como a Numancia, a petición da cautelarísima para suspender a resolución do CSD do pasado 27 de agosto e paralizar así o inicio da Segunda División. Polo tanto, a competición empezará, como esta previsto, este mesmo fin de semana.

Comentarios