Imprimir

As universidades galegas non retomarán as clases presenciais este curso

Agencias | 06 de abril de 2020

Unha aula baleira, nunha imaxe de arquivo. EP
Unha aula baleira, nunha imaxe de arquivo. EP
Apostan pola docencia virtual e manterán un novo encontro coa Xunta a finais de abril para decidir sobre a avaliación ► As probas extraordinarias de selectividade serán o 15, 16 e 17 de setembro

As tres universidades galegas manterán o seu calendario académico de forma virtual durante o que resta de curso 2019/2020, no que non se retomarán as clases presenciais. Así o acordaron os reitores do tres institucións galegas de educación superior, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (Uvigo) e Julio Abalde (UDC); nunha reunión mantida por videoconferencia coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), Eduardo López. 

Esta decisión, que xa se esbozou a semana pasada, tomouse tras coñecer que o Goberno central decidiu prorrogar o estado de alarma, polo menos, até o 26 de abril. Por mor deste acordo, a Secretaría Xeral de Universidades enviará proximamente ao tres institucións unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual e a homoxeneidade. 

Con todo, aínda non se pechou a forma na que se avaliarán os contidos. De feito, todos os implicados decidiron manter un novo encontro a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é acordar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos, explicou a Xunta. 

As universidades estudarán coa Acsug as posibilidades para abordar as prácticas en función das particularidades de cada titulación

Carmen Pomar solicitou ao tres reitores que poñan en coñecemento tanto da consellería como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as modificacións que se fagan nas guías docentes e que estuden de forma minuciosa coa Acsug as posibilidades para abordar as prácticas en función das particularidades de cada titulación. 

ABAU. Ademais no marco da Comisión Interuniversitaria de Galicia ( Ciug) acordouse que a comunidade celebre os días 15, 16 e 17 de setembro as probas extraordinarias de selectividade. Deste xeito, a proba extraordinaria de acceso á Universidade volve a mes de setembro, no que se realizaban habitualmente antes de que o sistema  Abau as movese ao mes de xullo. Mentres tanto, tal e como se acordou nunha reunión previa, a proba ordinaria será os días 7, 8 e 9 de xullo.

Con todo, polo momento aínda non se pechou o modelo de exame, aínda que Galicia espera que se trate dunha fórmula similar á habitual. Unha proba parecida á que se realizou en anteriores exercicios proporcionará tranquilidade ao alumnado, defenden na Consellería de Educación.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/galicia/universidades-galegas-non-retomaran-clases-presenciais-curso/20200406162826076107.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)