Uns 600 símbolos franquistas seguen presentes en Galicia

Unha meirande parte das honras aos simpatizantes do réxime que seguen en pé móstranse en nomes de rúas, placas ou esculturas
Simboloxía franquista
photo_camera Simboloxía franquista

Os restos da ditadura e da Guerra Civil que a precedeu seguen presentes nas rúas galegas tomando a forma de 600 símbolos repartidos ao longo de 97 concellos, case medio século despois da morte do dictador Francisco Franco no ano 1975. Así o recolle Manuel Monge González, mestre, sociólogo e presidente da asociación Defensa do Común, no seu libro 'Os restos do franquismo en Galicia'. "A pervivencia da simboloxía franquista en Galicia débese a unha auténtica irresponsabilidade colectiva de todas as organizacións políticas", sentenza contundentemente o escritor respecto ao sumario que recolleu.

En Ferrol, por exemplo, a rúa que levaba o nome de Enrique Salgado Torres, membro da Falanxe coruñesa, foi substituída pola nomenclatura de Xaime Quintanilla, alcalde da cidade durante a República. Porén, na cidade herculina a avenida e o colexio que levan o nome de Salgado Torres non tiveron modificacións. "Hai unha falta de coherencia e de criterios por parte de distintos partidos políticos porque aproban unhas medidas nuns concellos e noutros non se atreven a aplicalas", declara Monge González no tocante á sucesión de casos similares na comunidade.

En Pontevedra, sinala a Rúa Salvador Moreno Fernández, que foi substituída con outra nomenclatura. A día de hoxe a cidade acolle o colexio público Salvador Moreno. "Non se pode manter o nome dun colexio dun militar golpista", conclúe respecto a este caso. E, na cidade de Lugo, o estadio Ángel Carro é outro polémico episodio da historia da simboloxía vixente en Galicia, asegura. "Empezamos a coñecer a biografía de Ángel Carro, un significado franquista que apoiou como empresario a sublevación militar en Lugo. Ángel Carro non pode ter o nome dun estadio na cidade", argumenta Manuel Monge.

CAMBIOS EN MEIRÁS. Actualmente, a cidadanía galega atópase á espera da resolución xudicial que Meirás, que polo de agora forma parte do patrimonio dos herdeiros de Franco. "A situación cambiou moito, hai 15 anos informabamos sobre o pazo e dicíase que fora un regaliño a Franco e que os regalos non se podían devolver, era o que pensaba a xente. Despois de 15 anos conseguimos que unanimemente todos os partidos políticos, tamén o Partido Popular, pidan a devolución do pazo de Meirás", relata sobre este proceso.

No caso de que a sentenza estimara que o monumento debe pertencer aos galegos e galegas como ben de propiedade pública, Manuel Monge cree que "vai ser coma un castelo de naipes" e que "a continuación están a Casa Cornide, as esculturas de Abraham e Isaac e outras propiedades que ten a familia Franco e que se negan a devolver". Para facerlle fronte a isto, opina que "a primeira medida sería facer un inventario de todas as cousas das que se apropiaron e esixir a súa devolución". Con todo, lamenta que "o que pasa en España é un caso insólito que non debería ocorrer en ningún país democrático, xa que en Italia non se debate sobre que facer coas propiedades que conseguiu Mussolini ou na Alemaña co caso dos nazis".

Ademais, nos últimos anos a sociedade presenciou o rexurdimento nas rúas da simboloxía franquista a mans de persoas que empregan bandeiras que portan a aguia de San Xoán, un dos símbolos máis representativos e recoñecidos do réxime. Monge González opina que este feito "ten unha erradicación facilísima coa prohibición da difusión de símbolos franquistas". Engade que existe "unha falta de vontade política para acabar con esta situación" e que "hai que aprobar algún tipo de lei que prohiba expresamente a difusión de simboloxía franquista e que aqueles que fagan ostentación dela teñan unha correspondente sanción por parte das autoridades competentes".

EDUCACIÓN DE FUTURO. A educación supón un piar fundamental, a historia recorre e ilústranos o pasado para que no futuro a sociedade mellore e avance sen repetir os mesmos erros. Para o escritor e sociólogo, o sistema educativo é "fundamental" e cre que é importante que "se explique a historia, que causas tivo o franquismo", e que se coñeza que "foi definido coma unha dictadura criminal pola Onu". "Eses aspectos informativos fan falta", subliña. "Nas asociacións internacionais reclámase verdade, xustiza e reparación, o tema da verdade inclúe que a xente teña información do que pasou aquí durante a ditadura". Neste sentido, Monge González opina que a importancia do seu libro na actualidade radica no futuro da sociedade: "Se non se coñece a historia, estamos condenados a repetila. A historia son 40 anos de ditadura, debemos coñecer quen foron os causantes de tanta represión e tanto sufrimento".

Comentarios