Opinión

Verdades incómodas

Sen zoolóxicos sería moito máis difícil educar aos humanos no respecto aos animais e os seus ecosistemas

londonzooyears17n

ALGUNHA VEZ me teñen lido que Barcelona é a miña cidade preferida, como unha segunda casa. Pero até as mellores urbes teñen os seus defectos e o que eu lle saco á capital catalá non é a inseguridade —esaxerada por razóns espurias— senón a vontade da súa alcaldesa e outros políticos de rematar co zoolóxico.

O asunto vén motivado polas esixencias dos animalistas, convencidos de que as bestas non desexan estar naquel lugar, aínda que das miñas continuas visitas a ese espazo e outros similares —e das doutros millóns de persoas— non se poda deducir tal cousa.

Ocorre que os animalistas cometen na miña opinión un erro grave: o de conamósase molesto con Barcelona pola pretensión animalista de pechar o zoolóxicofiar na natureza humana. Estaría ben non encerrar a ningún animal en zoolóxico ou reserva baixo a suposición de que non desexa estar alí, como eles sosteñen e eu non. Ocorre que sen zoolóxicos sería moito máis difícil educar aos humanos no respecto aos animais e os seus ecosistemas, e que sen educación o homo sapiens sería aínda peor para o planeta.

E é que os seres humanos levan séculos nun sostido esforzo por esmagar todo aquilo que os rodea. A cousa, xa saben, ten até base relixiosa, aquelas verbas do Xénese segundo as que Iahvé creou ao home e lle deu o control de todas as criaturas da terra. Unha boa mostra de cómo evolucionou o asunto é La inesperada verdad sobre los animales de Lucy Cooke, publicado por Anagrama. A proposta é como mínimo orixinal: pescudar en como os seres humanos proxectamos ideas e condutas propias noutras especies, sobre todo nalgunhas coas que tivemos contacto secular.

O resultado é dunha amenidade salientábel. Poucos libros máis divertidos e sinxelos de ler se publicaron neste ano en España. E iso sen que se trate dun libro especialmente simple. A autora procede case que sempre polo mesmo método: a análise das crenzas sobre os animais en Aristóteles e na Idade Media, os primeiros intentos de resolver os erros daqueles bestiarios e o estado actual da cuestión. Isto lévaa a falar de Hildegarda de Bingen ou Xerardo de Gales —eruditos medievais—, de sir Thomas Browne —o autor da obra sobre os «erros vulgares» decisiva no mundo anglosaxón— e de investigadores actuais espallados por todo o mundo, dende Chile ata o sur de España.

Fálase de cegoñas, morcegos, hipopótamos ou pingüíns, pero hai un animal que sae especialmente magoado das descricións de Cooke: o home. Un investigador alemán descubriu no século XIX que as cegoñas marchaban a África porque unha regresou da viaxe nada menos que cunha lanza que a atravesaba… pero agora non pasan dos vertedoiros das grandes cidades españolas. Os osos panda son unhas graciosas criaturas convertidas en instrumento diplomático, ata o punto de que todo bebé panda é chinés por contrato e cando hai un conflito unha das primeiras medidas do xigante é retirar eses bonitiños animais. O primeiro científico que analizou as condutas sexuais dos pingüíns decidiu escribir as súas notas nada menos que en grego antigo e confiar en que ninguén lese o que para el era tal depravación.

A divulgación científica, en forma de libro ou de zoolóxico, é unha ferramenta imprescindíbel para que o futuro destes animais sexa moito mellor có seu pasado. Os adultos de arestora non estamos a cumprir coa nosa obriga de coidar a diversidade animal do planeta e os que agora son nenos quizais xa atopen situacións irreversíbeis. Polo menos debemos educalos no respecto ao medio ambiente e iso pasa por desenvolver argumentos coma os de Cooke e facelo do xeito máis didáctico e divertido posíbel.

Comentarios