A Xunta comprométese con Galicia Baleira a revisar as trabas burocráticas no rural

A plataforma elaborará un documento no que queden identificados os problemas cos que se atopa a xente á hora de asentarse e desenvolver unha actividade económica no rural
González e Balseiro xunto aos integrantes da plataforma Galicia Baleira. SEBAS SENANDE
photo_camera González e Balseiro xunto aos integrantes da plataforma Galicia Baleira. SEBAS SENANDE

O conselleiro de Medio Rural, José González, comprometeuse este venres cos representantes de Galicia Baleira a estudar o documento que elaborará a plataforma para identificar os problemas derivados da "burocracia" administrativa que lastran as posibilidades de desenvolver unha actividade económica no rural e a levar as solucións ao Consello da Xunta.

González fixo público este compromiso despois da reunión na Delegación Territorial da Xunta en  Lugo que mantivo con case medio centenar de representantes desta plataforma, tanto lucenses como da provincia de Ourense.

O conselleiro de Medio Rural valorou que a "sociedade civil faga as súas propostas aos políticos", para coñecer as súas "inquietudes de primeira man", pero tamén que se faga de forma tan construtiva como o está facendo esta plataforma", que "non vén a criticar, senón a detectar unha realidade", o "despoboamento que afecta" a parte das provincias de Lugo e Ourense.

"A partir de aí, fan unha serie de propostas", dixo José González, que ao seu xuízo son "razoables" e van na mesma liña de traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia.

En todo caso, precisou que nesta reunión falouse "da necesidade de avanzar cara ao futuro buscando que a xente que vive no rural, viva tamén do rural", de modo que a "posición" da Consellería é "compartida polos representantes das catrocentas asociacións" veciñais integradas nesa plataforma.

"Temos que buscar a rendibilidade da nosa actividade económica no rural, como un mecanismo para atraer sobre todo á xente nova", engadiu, a través da "agricultura, a gandería e a silvicultura".

Nese sentido, asegurou que a Xunta "está a traballar na defensa duns prezos xustos para agricultores e gandeiros", de maneira que obteñan "unha rendibilidade" a partir dos "custos de produción máis a marxe de beneficio"; pero tamén "no ámbito de calidade, mediante a promoción dos nosos produtos, que son extraordinarios".

Ademais, na reunión tamén informou á plataforma, explicou González, do traballo que está a realizar a Xunta no ámbito da "propiedade", con lei "para a recuperación e a posta en valor da terra agraria" na comunidade autónoma.

Pola súa banda, os representantes da plataforma Galicia Baleira comprometéronse co conselleiro a elaborar un documento no que queden identificados os problemas "burocráticos" cos que se atopa a xente á hora de asentarse e desenvolver unha actividade económica no medio rural.

"Os políticos non podemos estar en todo e ás veces hai problemas derivados do propio funcionamento das administracións que dificultan o desenvolvemento de actividade no rural, polo que espero as súas achegas e eu comprométome a levar as súas propostas ao Consello da Xunta de Galicia", engadiu González.

"O conselleiro fala unha linguaxe como o noso. E polo tanto, entendémonos. Isto é algo que é moi importante, porque ás veces tratas de entenderte, pero se non falas o mesmo linguaxe é complicado", dixo o presidente da Federación de Asociacións de Vecinos de Lugo e promotor da plataforma, Jesús Vázquez.

De feito, Vázquez asegurou que a reunión deste venres foi "moi construtiva". 

Comentarios