Opinión

O xogo dos abelorios

COMO É tempo de nugalla, folleo un xornal capitalino e leo cunha mestura de rexouba e de ledicia, que o recén nomeado secretario xeral do principal partido da oposición, un político murciano cun cumprido expediente seica inmaculado, conta co mérito de gañar, cando era moi novo, o Campionato Mundial de Lanzamento de ósos de azeitonas, propias daquela fermosa rexión que se enxalza no sonado Canto a Murcia, que moita xente pensa que é o seu himno, cando non é certo. Ao parecer o lanzamento faise cuspindo o froito da oliveira con forza e maña singulares, ainda que non sexa un dos motivos nen do Canto, nen da letra oficial do himno autonómico.

Lonxe de nós trivializar tal prática deportiva, nin sequera referirnos aos afeizoados fóra de calquera competición, que desde a barra dunha tasca sitúan os pequenos corozos onde lles dá a gana. Aínda que non sexa esta materia moi característica das práticas cotiás dos clientes, á beira doutras como colocar o escarvadentes na orella, no canto de guindalo ao chan, un alarde da hixiene nos locais reñida coa persoal e tamén coa estética, por máis que sexa costume que tivo grande predicamento pero que se foi esvaecendo. Ou sexa, que os membros galegos que forman parte do novo organigrama, quizais farían ben en tentar camiños inéditos e novidosos, para evitar a comparación co anterior presidente, sempre acompañado de tópicos descalificadores pola súa condición de galego, por máis que non exercera como tal, en sentido propio. Quen sabe se a viraxe á dereita non recúa moito na percura de caricaturas e despropósitos. Non esquezamos que segundo recolle Ian Kershaw na sua monumental obra sobre Hitler, este referiuse a Franco como "ese porco xesuíta".

Dúas xeralizacións tópicas e de moi cativo enxeño. Pero voltemos aos xogos competitivos, naturalmente alén do pádel, que popularizou o precedente ideolóxico da actual dirección. O dominó fica excluído porque remite ao señor Fraga, e no caso de optar por xogos de mesa, seguro que conectan mellor co Scrabble ou o Monopoly.

O caso é que esta xeración de políticos estudados, brillantes e novos, preocupados polo seu porvir, na nosa modesta opinión non se compadece moi ben coa competición dos ósos da azeitona, nen sequera co xogo dos bólos. A faísca que nos veu alumear foi O xogo dos abelorios, cuxo título completo engade "ensaio de biografia de Josef Knecht magíster ludi", na novela de Hesse, un exercicio intelectual que abrangue e relaciona todo o saber, unha ficción futurista, pois, que se desenvolve no século XXV.

Ben sabemos que é moita luz para unha pequena moxena, pero cómpre ter en conta o tempo caloroso que estamos vivindo, tan propio da estación como algunhas licenzas nas colaboracións, a xeito de brincadeiras para entreter os ocios. Calquera cousa con tal de non caer nun certame de capacidades expectorantes, pois aínda que poida ser internacional, porque é tempo de veraneantes, non deixa de ser un concurso de esgarros, con pebida, ou non. Un pouco pedestre e mesmo groseiro.

Comentarios