miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Autores que escriben por teléfono

Domingo Villar estivo o martes en Lugo. Contoume, xa mo contara, que «antes», antes era cando vivía o seu pai, chamaba a este cada mañá dende Madrid ás Rías Baixas para lerlle os folios que escribira o día anterior. Villar estivo en Lugo presentando Algúns contos completos, o seu libro novo.
Domingo Villar. SEBAS SENANDE
Domingo Villar. SEBAS SENANDE

DOMINGO Villar  e máis eu falamos entre monicreques. Non o somos nós, senón que había unha mostra de no Vello Cárcere, que é o centro no que el falaba sobre o seu libro.

—Que che pareceu o libro? —preguntoume con esa inocencia que desarma a miña tentación de contestar a esa pregunta o mesmo que me dixera un vello periodista de fondo lector e casca amarga: "Non está mal, pero tampouco vai pasar á Historia da Literatura". Agora, trinta anos despois, podo confirmar que individuo sabía o que dicía.

Eu non pensaba iso de Algúns contos completos (Galaxia), pero teño a prevención profesional de non revelarlle ao entrevistado o que opino do seu texto ata que rematan as entrevistas.

Manel Loureiro, o escritor pontevedrés de terror, tivo a precaución de encapsular a cuestión perigosa nunha alabanza. Entrevistábao por La Puerta (Planeta):

—Mira, Jaure, ti es un bo lector. Interésame saber a túa opinión sobre a novela.

Expliqueille que nunca digo o que penso sobre o motivo da entrevista —un libro, neste caso— a un entrevistado. Se lle revelo que non me gustou e llo digo vai sentirse agraviado ou, no mellor dos casos, decepcionado. Vai responder con desgana ao que lle conteste. Se lle digo que me encantou vai sentirse satisfeito, vai relaxarse e pensará que non necesita esforzarse en interesar ao entrevistador, que é o interlocutor necesario para seducir os lectores.

—Direiche o que me pareceu cando acabemos de falar, Manel.

—Déixasme intrigado.

Despois, na conversa sobre a obra, tiven a sensación de que se esforzaba por lograr a miña aprobación.


Era a segunda vez que entrevistaba a Loureiro. Non o fixera por Apocalipse Z (Dolmen, 2007)’, que me pareceu unha novela saída do garaxe da casa onde vive Stephen King, en Bangor. Nin sequera con El último barco (Planeta, 2013), a  pesar de que a editorial me invitara a xantar no España ou a tomar café, agora non o lembro. Quedei co mantel crema de fío e co café, que non se me enfriou coma sempre me pasa porque me lío a tomar notas. Aínda pedín outro porque Manel se liou a contarme a trama, que recuperaba a historia do Wilhem Gustloff , o barco de recreo nazi no que viaxaban milleiros de familias escapando ao avance da lava mortal e foi afunindo a torpedazos por un submarino ruso. As mulleres e os nenos morreron primeiro e despois, o capitán. 9.000 cadáveres.

Non sei se lin a novela sen apetito porque xa coñecía o crime do que parte ou porque había asasinatos e mesmo pode que seitas e esoterismo, que non o lembro

A mala fortuna determinou que eu lera uns meses antes a mesma historia contada por Günter Grass, que tiña un talento innato para escribir as mellores e as peores novelas da Historia da Literatura, e que, no caso de A paso de cangrejo (Alfaguara) caeu do lado das boas. Non sei se lin a novela sen apetito porque xa coñecía o crime do que parte ou porque había asasinatos e mesmo pode que seitas e esoterismo, que non o lembro.
Ao rematar a charla con Manel Loureiro agradecinllle a amabilidade —é encantador— e despendínme.

—Espera, espera! —reclamou—. Non me dixeches o que che pareceu La Puerta.

Se algo valoro das persoas é a valentía, o risco a recibir un caramelo amargo. Detiven o meu pensamento por uns momentos. Non me acordaba xa da promesa que lle fixera ao primeiro de chamada telefónica. Se algo valoro de min é a sinceridade. Sentía a boca pastosa. O café sécame a lingua e ás veces se me pega ao ceo do padal. Tomo descafeinado porque o meu médico manda máis ca min no meu corpo, pero bebo tanto ao longo do día que se me atasca a lingua. A parte positiva é que esa sensación desagradable me obriga a beber auga coma se acabase de chegar ao limite externo do Sáhara. Dei un grolo dunha botella que tiña na mesa,

—Buf! É que as historias de asasinatos non me motivan, as historias de seitas non me interesan e as historias esotéricas me desaniman. E ti reúnes todo iso en La Puerta.

—Xa. Comprendo. Ben, pois nada. Moitas grazas por lela e por chamarme para facer unha entrevista sobre un libro que non che gustou.

—Espera, espera! —repetín a súa fórmula—. Non colgues! Eu non dixen que non me gustase a novela. Dixen que non leo de boa gana novelas sobre asesinatos, seitas e esoterismo, pero La Puerta é unha magnífica novela negra escrita por alguén que ten un dominio poderoso do seu oficio.

—Que cabrón, Jaure! —respondeu aliviado.

Domingo Villar volveu formularme esa pregunta.

—Que che pareceu o meu libro?

Por tras del había un estrado do que colgaban de sogas varios monicreques, cos brazos mortos e as cabezas deitadas sobre o peito.

—Teñan coidado. Son unha familia checa de moito valor —advertiunos unha rapaza vestida de uniforme azul cunha praca de plástico branco prendida no xersei.

—Que que me pareceu o teu libro? Pois está contado cunha técnica moi lucense.

Abriu os ollos e moveu a cabeza nun golpe seco como se a miña afirmación fose unha parvada. Domingo é de Vigo e vive en Madrid hai vinte anos. O escritor limitouse a axitar a cabeza nese movemento brusco porque o escritor é tan educado como discreto. Non lle preguntei se era a primeira vez que viña a Lugo. Estivo outra, para participar nun club de lectura, onde me contou que tomaba Coca Cola para manterse esperto polas noites e escribir; pero non me equivocaría moito se escribise que non é habitual na cidade. A miña afirmación era, efectivamente, unha parvada.

Se atopei influencia lucense nos relatos de Domingo Villar é porque son breves, manteñen o equilibrio na estrutura, teñen fantasía e humor, e falan de emigrantes

Se atopei influencia lucense nos relatos de Domingo Villar é porque son breves, manteñen o equilibrio na estrutura, teñen fantasía e humor, e falan de emigrantes, de persoas que van ou veñen polo mar. Galicia é un país de fantasía, retranca e unha porta con corrente porque sempre hai alguén entrando e saíndo, e os lucenses somos os campións. Un lucense pode contarche a Historia do Mundo, co seu Big Bang, o seu nacemento de Cristo e a súa Revolución Francesa, en tres minutos e metendo  un chiste no medio. O secreto é condensar, usar o mínimo de palabras e ordealas ben. Ignoro o motivo. Ás veces penso que se debe a que poñer unha conferencia telefónica era moi caro e os contos do lugar se contaban aos emigrantes coa mellor brevidade.

Outras, que vai tanto frío en inverno, que se trata de que o aire xeado non se infiltre pola boca ata os pulmóns. Non podo afirmar ningunha de ambas as teorías porque non coñecín moitos emigrantes e porque me criei na costa, onde o clima se civiliza no contacto co mar.

Polo que me contara Domingo, tivo tres fillos aos que atendía, escribía diariamente polas noites e, de mañá, chamaba ao seu pai para lerlle os folios que fixera.

—As chamadas igual duraban 40 minutos porque el tiña a paciencia de escoitarme, esperar a que correxise e volvese a ler.

Algúns contos completos non están concebidos para ser contados por teléfono. O teléfono volveuse barato e vulgar, coma as moedas ou os panos de papel, coma calquera cousa que todo o mundo leve no peto. O único caro que levamos son as chaves da casa. Eses relatos están pensados para ser contados en persoa, nunha xuntanza de amigos que Domingo mantén cun pianista, que toca mentres el le, e por un ilustrador, Carlos Baonza, que fixo os gravados que acompañan os textos.

—Nótase que os debuxos de Carlos Baonza son moi galegos. Vivirá en Madrid, pero leva as raíces no pulso —apuntei.

—Pois Carlos non ten nada que ver con Galicia. Os seus debuxos teñen influencia centroeuropea, coma tiveron os galegos na primeira metade do século pasado.

Recórdenme que nunca volva comentar o que eu vexa como inspiración.

Autores que escriben por teléfono
comentarios