Opinión

Cine para elaborar peites e broches

Empecei a ler Los libros de Jacob. Na edición española ten 1.064 páxinas. Aínda me falta un longuísimo tramo. Vou na 1.001. A sorpresa está en que Olga Tokarczuk numerou esta novela ao revés. Remata na páxina 1. Non se trata de La flecha del tiempo de Martin Amis, que ía cara ao pasado. O tempo avanza, como o facía ata que o desmentiu a física cuántica.
Olga Tokarczuk. EP
photo_camera Olga Tokarczuk. EP

Nesta obra da premio Nobel polaca, que recupera Anagrama nunha tradución luminosa, Olga Tokarczuck sitúa como protagonista a Jacob Frank, un xudeo polaco seguidor de Sabatai Tzvi, outro xudeo da Turquía do século XVIII que se proclamou Mesías. Non foi orixinal. San Paulo xa o fixera milenio e medio antes cun terceiro xudeo. O xudaísmo fetén declara a Frank e Cristo como falsos enviados. Continúa esperando polo de verdade como se agarda polo amor verdadeiro.

O seguidores de Jakob Frank eran lexión. Ao igual que aconteceu cos seareiros de San Paulo durante moito tempo, os frankistas casaban entre eles. A nai e máis a muller de Adam Mickiewicz, o poeta do nacionalismo polaco, eran frankistas. "Marcha das mezquitas a xente entre as voces,/ a tarde pechou as portas calando os rumores/ E nun cielo rubio, todo enteiro de prata/ vén o rei da noite atopar a amada" (A noite en Bajchisarai).

Los libros de Jacob implosionou no corazón da sociedade polaca cando se publicou porque a entendeu como unha novela histórica. Torkaczuk tivo o coidado de que narradora sexa unha anciá en coma, Yenta, avoa de Jacob. Fai unha viaxe longa á médula de Europa, de Polonia a Rohatyn, unha cidade en Ucraína. A novela empeza en 1752. No 1772, Rohatyn incorpórase ao Reino de Galitzia, que non era noso, senón do Imperio Austrohúngaro. Desa cidade era Roxelana. En 1520 foi secuestrada polos tártaros e vendida aos otomanos. Converteuse na escrava favorita de Solimán o Magnífico. O sultán truncou unha tradición de douscentos anos ao casar cunha concubina. Solimán escribiulle o famoso poema: "Trono do meu mihrab solitario, meu ben, meu amor, a miña lúa".

A vella Yenta viaxa cargada de amuletos, colares e pulseiras. Na chegada á casa dos parentes empeza a atoparse moribunda. A familia consulta o Talmud no referente a celebrar unha voda e lamentar un funeral ao tempo. A festa continúa. A vella sufre as consecuencias dunha maxia por non seguir os pasos guiadamente. Non morre, tampouco vive. Perde a cor da cara, non pode comer; pero respira e o corpo conserva a temperatura. Queda suspendida entre os dous mundos, nun purgatorio aéreo. Pode ver o que acontece na casa do enlace, tamén en Polonia ou en Turquía, onde está Sabatai Tzvi. Lonxe de asustarse, percibe a liberdade de movementos e de coñecemento como un vehículo para a súa curiosidade.

Esa mesma ansia de coñecer foi o motor do Ford de José Gil. O valioso Manolo González publica Nos días encantados de agosto (Galaxia). Manolo González leva vinte anos tratando de reconstruír o celuloide do empresario erguido dende o chan das Neves. A familia era labrega. O balneario de Mondariz era o núcleo duro da nosa modernidade hai un século. Emilia Pardo Bazán oficiaba de quiromante. Gil foi un pioneiro do movemento artificial en humanos. Importou a industria do cinema e a industria do automóbil. Manolo González fálame del. Enumera os seus campos de innovación coma se falase dubido a unha cinta infinita de Moebius:
—No seu primeiro anuncio ofrécese para facer fotografías e amplialas, afinar pianos, construír órganos de igrexa e amañar aparellos eléctricos. Tamén foi produtor, director, publicista, achegounos á lusofonía. Actuou como iniciador do cinema de fición e documental en Galicia, reporteiro gráfico, avanzado no laboratorio fotográfico, inventou un dispensador de postais que instalou en Vigo. A maiores, logrou a concesión dos coches Ford para Galicia.

Unha sede parecida de coñecer move outro personaxe da novela de Olga Tokarczuk. Benedykt Chmielowski existiu como sacerdote católico e autor da primera enciclopedia polaca. Vai escribíndoa no insomnio e no frío da noite. Sabe onde está o coñecemento maior do seu século e do seu lugar centroeuropeo: na comunidade xudea. Na República das Dúas Nacións, formada por Polonia e Lituania. A biblioteca do rabino de Rohatyn pode axudalo.

Daquela non existía o cinema. José Gil cría no seu poder revivificador. Tivo tres fillas que lle morreron de tuberculose ao redor da maioría de idade nun arco temporal de sete anos. Unicamente o cinema podía revivilas. Cada tarde sentaba coa muller para velas bailando nas escaleiras do balneario onde todo empezara. José Gil faleceu en 1937, case a tempo de evitarse o pánico e o horror.
—Consérvanse sete películas das 150 que filmou. Un comerciante portugués compraba celuloide a peso para fundilo e fabricar peites e broches.

Os centroeuropeos do século XVIII estaban adiantados a respecto de nós. Na España dos Reis Católicos a conversión era obrigatoria baixo pena de exilio –acabaría sendo de cadarso para os falsos conversos–, como na Roma dos Borgia. No sur de Europa houbo un efecto retardado con respecto ao norte. Hoxe en día que José Jiménez logre ser policía local en Ferrol queda limitado a unha noticia curiosa nos xornais:
—Fisicamente non parezo xitano –alega.
Dubido se pide disculpas ou explica "comentarios" sobre a súa etnia que houbo de aturar.

As nosas cociñas galegas enchíanse con tiras de touciño; máis por borrar a friaxe do inverno galego que por demostrar a cristianía vella, que tamén. Tampouco somos consumidores de cordeiros, que nos achegaría máis ás outras relixións do Libro. Iso queda para os veciños do leste. Como sentenzaba o pintor asturiano Darío de Regoyos:
—Nada é comestible na paisaxe de Castela.

En Francia a pugna continúa. O escritor Michel Houllebecq volveu poñer a cara para que lla partan. Pincha, pica, amola, incomoda; pero sae indemne. A súa anterior novela, a distopía islámica Sumisión, era un artefacto explosivo. Quixo presentala o mesmo día en que os irmáns Karashi decidiron vingar ao Profeta polas caricaturas que publicara a revista satírica Charlie Hebdo. Acribillaron catorce persoas sen que haxa noticias de que Alá estivese molesto coas burlas. Non consta que se manifestase nun sentido ou noutro a través dunha revelación, nin sequera mediante nunha mancha nunha parede. Houellebecq escoundeuse no cabo de Gata.

En Aniquilación alinéase con ese xénero literario que tan francés que é o Reaccionarismo. Aotpamos nel a Houssmann, pero tamén a Céline ou a Maurrás. Unhas pingas de odio aos xudeos, unhas notas de tirria ao xermano, unha pizca de sometimento da muller,...  Abascal artellaría un discurso se lle dese por ler. Na última novela, Houllebecq pasa dun nihilismo occidentalísimo a un restroceso compasivo. Un personaxe, de raíz gala, sufre por un amor africano. O autor debeu arrepentirse de ser tan sensiblón porque non tardou en contarlle ao esquerdista patriota de Michel Onfray que existe un perigo de que na Francia civilizada bolsas de musulmanismo fanático no que "os franceses de pura cepa" cometerían atentados ("Bataclán ao revés"), pero os islamitas "non reaccionarían poñendo flores". O imán da Gran Mesquita ameazouno con demandalo por racismo, pero Michel é como ese amigo que sabes que é un caradura, pero que ves coma un diablo desamparado. Tiveron un encontro no que Michel lle asegurou que non dixera o que dixera e quedaron coma amigos. "Xa nos chamamos para celebrar a fin do Ramadán".

Unha vez atopei unha moeda do século XVIII tirada na rúa da Trinidade de Ribadeo. Visitei un experto, que me garantiu que era xudea e lituana. Fora acuñada nos tempos do comercio local co kummel, o licor de Riga. Parece que o máis prezado dos bergantíns eran as bólas de neve con vistas de Praga ou Cracovia que adornaban algunhas casa pudentes. De neno puiden ver unha colección escollida no salón dos Bengoechea, no pazo que agora pertence a un fillo de Leopoldo Calvo Sotelo.

Comentarios