jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Os homes son o escarnio dos anxos

Aínda se acorda en Lugo de cando un poeta local entrou enfebrecido na catedral pola porta central. Deitouse na nave maior. Bicou o chan santo cos brazos en cruz berrou: "Credo! Credo! Credo!", á moda da cabeza de Pardo de Cela, que rolou pola praza catedralicia de Mondoñedo despois de ser seccionada polo machado afiado e fernandino dun verdugo zurdo

NUNCA ENTENDÍN se aquel acto era un derrumbe de piedade, unha reivindicación nacionalista ou, sinxelamente, aburrimento. Intentou facelo pasar por bondade, pero non é fácil distinguir un home bo dun home aburrido. Os homes son o escarnio dos anxos. A anécdota do escritor ofrecido divertía ao escultor Paco Pestana. A historia mesturaba a poesía, misticismo e desvarío. Pestana era ateo porque escoitara a boa nova do comunismo, pero escollera o anarquismo na súa variente de nihilismo humorístico e conversacional. O único calendario que tomaba en consideración era o litúrxico. Aseguraba que un calendario litúrxico que se segue durante 365 días permite facerse unha idea dun tempo e dun territorio: a dominación romana de Palestina e Xudea entre o ano 0 e o 33.

En relixión, como en todas as outras materias de vida, Paco era o artista da improvisación. Nunca conseguía saber a que hora pasaría por La Modernita, o bar de Lugo cunha mesa que compartimos todas as mañás logo de que o mundo se acomodou na pandemia. A única norma é que o último en chegar debía pagar. Habitualmente era eu. Facíao porque me encantaba atopalo cos medios quevedos colgando no abismo do nariz e cos ollos estaricados para ler El Progreso. O sombreiro era negro no verán e laranxa no inverno, sempre a contrapelo das estacións. Somos animais meteorolóxicos. O traxe, eternamente noctámbulo; os zapatos, lustrados ata a extenuación. Divertíame ver o xeito ampuloso no que se deixaba sorprender pola miña chegada, o escapatate do seu sorriso, a xestualidade teatral para coller as antiparras e pregalas no estuche negro de coiro, a parsimonia para dobrar o xornal mentres recitaba unha oración que lle aprenderen os antergos cóengos na Fonsagrada do século XVIII. Paco Pestana era marqués de Castroverde, condottiero de Sidi Ifni, pontífice dos Cristos todos, mariscal do Cuadrilátero, vicario do Altar Maior e director do coro castrado dos Desposeídos.
Cando alisaba a o xornal con tres pasadas de man comezaba o espectáculo. Eu relaxábame no banco corrido e asistía á representación do día. Polo prezo de dous cafés Paco Pestana contábame a historia do día, que ás veces era a mesma e nunca era igual.

Podería recordar todas as que me contou porque tomaba nota, pero hoxe vou recordar a historia de cando había unha desputa no cuartel da Lexión no que fixo o servizo militar. Resolvíase a puñadas. Ás veces a trifulca estaba motivada; outras era unha excusa para boxear. Os combates eran os sábados; os rings, improvisados. Paco subiu varias veces. Sempre se facía un bote para as apostas. Eses cartos servían para pagar que gañador e perdedor compartisen unhas cervexas co resto da tropa. Ao final ambos debían darse un abrazo para pechar a ferida cicatrizada con guantes e golpes.

Pestana caeu o martes coma un anxo fugaz que sufre un traspés coas ás. Afastouse da vida como se afastara o poeta Isidro Novo. Foi  a mesma sorpresa mortal, a mesma caída, o mesmo horror.

O xoves premiaron a Xesús Fraga co Nacional de Narrativa por ‘Virtudes’ (Galaxia), unha historia sinxela e emotiva na que a única traizón é a memoria do autor. Leo que o comparan con Emmanuel Carrère. Supoño que o columnista non leu ao amable Fraga ou non leu ao amargo Carrère. Deduzo que, se comenta Rewind de Juan Tallón, escribiría que é "o George Simenon galego" porque na novela hai violencia e está ambientada en Francia.

No ano 61 The Marvelettes mandaban na escena musical con Mr.Postman e Londres era a metrópole do mundo, a babilonia infernal para o think tank franquista


Virtudes, a avoa de Xesús Fraga, saíu de Betanzos para embarcar. Atravesou Vigo nun desfile involuntario e xordo dos perdedores ilusionados, canda outros emigrantes, coa ollada no azul do ceo que engancha co gris da mar. Atrás quedaban tres fillas alumeadas cun marido que marchara por diante ata que o perdeu de vista e de correspondencia. Falsificara a sinatura do seu home para que lle expedisen o pasaporte. Durante o ditadura esixíase o permiso do seu home e el estaba desaparecido en Venezuela. No ano 61 The Marvelettes mandaban na escena musical con Mr.Postman e Londres era a metrópole do mundo, a babilonia infernal para o think tank franquista.

Virtudes botou trinta anos na cidade. Aprendeu o idioma domesticou a cidade feroz, regresou a Betanzos trinta anos despois para non deixar de botala de menos. Estableceuse en Kensingston, como tanto emigrante galego, nunha casa de dous andares e escaleira que descende a rúa ata que xentifricación comprou o barrio. Nunca deixou de volver a Londres. Unha vez ao ano preguntaba por algún cuarto libre que puidese alugar durante quince días.

Cando chegou, e durante moitos anos, residía nunha habitación dende a que saía para traballar, comprar, almacenar e enviar.
—Foi unha procuradora, abastecedora e protectora da familia —díme Xesús—. Nos anos 60 había moitas carencias aquí.  Podía enviar roupa de cama, utensilios para a casa ou unha ZX Spectrum, como a que me mandou cando e tiña 12 anos. Era visionaria. Viu que a informática era o futuro e mandouma.

A nai de Xesús Fraga quixo ser mestra. Nese momento non había bacherelato en Betanzos, tería que ir á Coruña. Era a maior. Tiña que traballar ao cumprir os 18 anos. A avoa de Fraga levouna para Londres, así traballaba e aprendía o idioma. A nai do escritor viviu un ano nun convento, axudando. Foi quitando diplomas de inglés pouco a pouco.

—Tras volver a Betanzos daba clase de inglés na casa, en pasantías. A miña nai asimilouse moi ben a Londres. Fixo unha emigración pedagóxica. A emigración non era soamente económica, también hai un mundo que se abre coa cultura en museos, exposicións, teatros e literatura. Transmitiume un amor polo templos londinenses da cultura: o Museo Británico, a National Gallery. A emigración daquela era mellorar en todos os sentidos.

A Virtudes parecíalle mal que o neto lle enchese a maleta de discos, queocupase os perfectos ocos concebidos para chaquetas ou maquiniñas rozadoras de afeitar.


Volvían cada dous anos a Londres coa excusa de que ela daba clases e debía refrescar o idioma e mercar libros. Xesús, con máis frecuencia; cada xullo viaxaba ao Londres natal onda a avoa. Axudábaa na limpeza de oficinas e tiña tempo para comprar discos, fotografar grafittis e ver amigos.

—Tiven a sorte de pasar os veráns dos 15 anos nos anos 80 en Londres comprando roupa e consumindo cultura pop.
A Virtudes parecíalle mal que o neto lle enchese a maleta de discos, queocupase os perfectos ocos concebidos para chaquetas ou maquiniñas rozadoras de afeitar.

A sociedade inglesa está estratificada, pero cada quen ten o seu espazo, a diferenza é de altura. Os emigrantes contaban coa súa área de comodidade e esparecemento. Seino porque nas novelas británicas os pobres, que se atopan no nivel social inferior poden falar do seu corazón humillado e da súa alma languidecente. Na novela francesa os pobres son tratados con aridez, humillación e ostracismo.

O sábado organizáronlle unha homenaxe a Paco Pestana. Asistín. Puxéronlle o seu nome a un banco no que sentaba, fronte a fronte, franqueza con franqueza, coa estatua de Ánxel Fole.

Tras o remate fun á galería La Catedral á inauguración do pintor Manuel Ayaso. Ayaso é abigarrado, violento, inquietante. Desde que estivo a piques de morrer con 9 anos porque lle fallaba un pulmón pinta a morte en persoas chocando, en cabalos incosolables, en bispos desafiantes e no horror de que mataran a Lorca;

—Houbo un tipo que dixo: "Hai que darlle café a Lorca por maricón".

Ayaso non llo perdoou. A morte eximiuno a el e aínda punta con 87 anos, pero esmagouno no corazón co seu fillo. Non volveu tomar café.

Os homes son o escarnio dos anxos
comentarios