miércoles. 23.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 23.10.2019
El tiempo

Os nenos e os sismos atravesan as fronteiras

Os cativos e os terremotos non respectan as fronteiras porque non as coñecen, tampouco os lumes. Pasan por riba das raias e ao carón dos postos aduaneiros sen pararse porque responden a trazos que fan os adultos en terras mortas.
Iago Eireos
Iago Eireos

IAGO EIREOS (Lugo, 1981) invitoume a unha visita comentada a Nación S.A. , a exposición que mantén na Deputación Provincial de Lugo. Usa pintura, fotografía, escultura e vídeo para amosar fronteiras miopes, bandeiras para decorar e raíñas reais (Vitoria de Inglaterra) e máis reais (Madonna). O mundo de Eireos é ilustrado e metódico; unha resistencia convencida de que a orde vence ao caos, cando menos dentro das fronteiras da arte.

Antes de entrar na mostra, tomamos un café na terraza do Enaudi. O seu cativo —moreno, guapo, inquieto— acompáñanos. O neno ten meses e "nome de pintor", Bosco. Tamén pode ter nome de santo. Cada vez que lle tenden un obxecto tira con el ao chan.Esa capacidade de cuestionar ha guialo pola arte como quere o pai.

Dentro da sala de exposicións, Eireos vai facendo un percorrido pausado e erudito polo seu traballo sen deixar que o seu fillo traspase os límites do seu campo visual. O neno gatea de norte a sur, de leste a oeste, sen outra paradura que a aplicada por Iago cando marca as fronteiras do risco, cando impide que chegue a lugares onde poida mancarse.

Vin por algures que a iconoclastia surrealista do Bosco ten a orixe nun incendio feroz ao que asistiu sendo un rapaz. Os incendios atravesan dun país a outro con furia e decisión. As fronteiras delimitan e caracterizan as nacións, que, miradas con detemento, son entes artificiais que importan a patriotas e filatélicos. A diferenza entre ambos os colectivos é que os patriotas teiman en que non lles xurdan nacións dentro da súa e os amantes dos selos festexan o nacemento de cada estado.

As fronteiras máis cativas que coñezo aparecen en ‘Cándido’, a novela de Voltaire. O protagonista cruza Europa nun so parágrafo, pasa de estar en Bulgaria a presentarse en Holanda en dúas frases separadas por un punto e seguido. Un punto e seguido. Non hai fronteira de menor tamaño. O Check Point Charlie era un caseto enmarcado por sendas ringleiras de sacos terreiros. Foi unha aduana que alumbrou novelas, fugados e mortos. O muro de Berlín non caeu, deitárono os alemáns; pero agora nos horrorizamos de que moitos voten extremadamente. Logo esquecemos que a actual Europa se apoia nunha estrutura pensada por Alexander Kojève (Moscova, 1902; Bruxelas, 1968). O filosofo ruso que concebiu a Unión Europea como terrotorio liberal defendía ser "o derradeiro estalinista ortodoxo".

Calquera fronteira é maior ca un punto e seguido, pero non hai fronteira tan lixeira como a polaca. Andou movéndose cara a acó e cara a acolá ata que pareceu estabilizarse grazas a un factor que non é económico, étnico nin cultural, nin sequera afectivo, senón de fe: o catolicismo. Polonia e o Vaticano son as únicas fronteiras espirituais que presentan solidez. Esas lindes de crenza teñen como consecuencias que sexan países partidarios dunha introspección contraria aos avances ideolóxicos. Son unha reposta fronte ao mundo amplo, espido e desprotexido da globalización. O destino somos nós mesmos baixo a figura do inimigo —cito de memoria a Hegel—, construímonos non tanto ao noso favor como contra outros.

A escritora polaca Olga Torkazuck, acusada de «anticatólica e ecoterrorista» pola prensa conservadora da súa nación —tan conservadora de seu— razoa: "Se o teu país é borrado do mapa e a súa lingua é prohibida, se a súa literatura ten que servir a unha causa, vólvese, por brillante que sexa, en bastante difícil de exportar. Os bárbaros non viaxan, simplemente atacan".

Gonzalo Jácome non deseña unha estratexia propia, senón que derruba o que erixiran os antecesores

O alcalde de Ourense non é polaco, pero esta elaborando a súa política cultural como enmenda á totalidade ao anterior, sen matices. Gonzalo Jácome non deseña unha estratexia propia, senón que derruba o que erixiran os antecesores. Afírmase negando o anterior, como sinalaba Hegel.

Anulou as axudas ao certame teatral Fito e ao festival de música clásica Pórtico do Paraíso segundo un criterio contable, de rendabilidade, como se os orzamentos públicos fose unha compra de Tesouro Público. A ignorancia provoca desconfianza e esta corrómpese en reaccionarismo.

Voltaire era progresista e liberal ata que soubo do terremoto que desolou Lisboa en 1755. Foi tal a súa magnitude que mesmo derrubou a fachada da catedral de Lugo  —a 600 quilómetreos—. Fíxoo no momento menos favorable para unha cidade que desputaba a capitalidade espiritual do país con Santiago.

Os cen mil mortos dese sismo provocou que Voltaire (París, 1694-1778) perdese a crenza toda en que vivimos no mellor dos mundo posibles, pero tamén que escribise o divertidísimo despropósito que chamou Cándido ou o optimismo.

Cándido vai pasando dun país a outro sen a sutileza cruel de Brigate Rosse, que, tras asasinar a Aldo Moro en 1978, deixou o seu cadáver a medio camiño entre a sede do Partido Comunista Italiano e a sede da Democracia Cristiana, establecendo unha fronteira que ambas as formacións non debían atravesar nunha negociación.

A burla de ‘Candido’ é maiúscula, Tanto lle teñen nación, etnia ou credo. O seu amigo Rousseau renega del. Os seus contemporáneos acúsano por unha banda, de anglicismo; por outra, de ateísmo. O Parlamento condénao ao pouco de saír  a novela e envía alguacís para que bloqueen a primeira edición. Voltaire está encantado. Aproveita a censura que sofre para burlarse das ínfulas que adornan ao editor D’Alembert, o promotor do compendio de saber universal A enciclopedia: "Nunca vinte volumes fixeron a Revolución, máis temibles son os libriños manexables de 30 céntimos".

Os incendios saltan as fronteiras. O que arde, de Oliver Laxe será proxectado en España na metade de salas que en Francia. Afortunadamente os lumes choutan sobre as raias.

Hei preguntarlle a Margarita Ledo, pero o seu concepto de nación é pouco filatélico.

Non todas as nacións son controversias. Margarita Ledo está rodando Nación, un sítio onde pousar a cabeça, que a directora chairega explica citando uns versos do portugués Manuel António Pina: "Só quero um sítio onde pousar a cabeça./ Anoitece em todas as cidades do mundo,/ acenderam-se as luzes de corredores sonâmbulos/ onde o meu coração, falais ndo, vagueia". O filme "conta a historia das mulleres galegas que conseguen facerse un oco no tecido industrial, a súa relación co campo, a súa memoria, a súa fortaleza".

Hei preguntarlle a Margarita, pero o seu concepto de nación é pouco filatélico. Sospeito que tamén difire do que amosa Eireos en Nación, S.A.: todos somos unha nación, coa nosa sanidade, a nosa economía, a nosa cultura e a nosa seguridade.

Eu teño un aprecio estimable pola miña nación persoal, polo que me sentín amolado o pasado martes. Ocorréuseme a soberbia de publicar en Tuiter a foto dunha pía de dez libros que pretendo ler este mes. Había oito en español, un en inglés e outro en francés. Logo se me presentou na internet un axente da Policía Lusista para reprenderme por non ler nada no padrón internacional do galego. Pretendía que mercase eses mesmos títulos en portugués no portal wook.pt. Non comprendín a inquina do meu preceptor intruso contra o español, un idioma imposto en América e África coa mesma violencia militar coa que se impuxo o portugués. Pero menos estou por mercar nunha multinacional que compite con librarías.

Non é raro que lea en portugués, como fago noutras linguas imperialistas, e, dende logo, son partidario do lusismo. Iso si, desagrádame os que asaltan as miñas aduanas para prescribirme en que lingua debo ler. Non esquezo que Lisboa foi o lugar no que a Inquisición aforcou ao Doutor Pangloss, o experto en Metafísico-teoloxía-cosmolo-pampoloxía e preceptor de Cándido. Pangloss insistíalle en que vivimos no mellor dos mundos posibles

Os nenos e os sismos atravesan as fronteiras