sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Os nosos fillos de 15 anos que non fuman

Maruja Mallo dicía que o mundo por "intelixencia, sentimento e sexo". Maruja moveu o mundo, axitouno dende que naceu en Viveiro, cando se exiliou en Bos Aires e ata que se deixou durmir en Madrid. "No hay nada mejor que joder, verdad Laxeiro?". E o pintor de Lalín ría a gargalladas a dramaturxia irreverente da súa amiga.
Maruja Mallo
Maruja Mallo

A ARTISTA GALEGA por accidente natalicio que nunca tivo vontade de ser galega regresa ao papeis cada certo tempo. O eterno retorno de Maruja Mallo vén provocado en cada apertura do seu teatro non pola súa calidade —irrefutable— como creadora, senón pola autenticidade das obras ás que se lle puxo a súa marca de auga.

O escritor Pepe Carballude é consciente da transcendencia desa sala de espellos cóncavos e convexos que se miran entre eles e vén de publicar A pintora libertaria (Galaxia), unha novela na que un profesor e un comisario de arte organiza unha exposición para presentar 40 obras inéditas de Mallo que proceden dunha colección particular. A iniciativa é apoiada con entusiasmo polo alcalde e amigo da infancia porque cadra coas eleccións municipais e pensa que unha iniciativa cultural pode adornarlle a campaña. Na exposición participa a Xunta con cinco pezas e coa presenza do conselleiro de Cultura.

Creacións máxicas de medidas exactas é unha mostra con 17 obras de Maruja Mallo e 25 de Luis Seoane que se abriu de par en par en xaneiro do ano pasado nunha vila do interior de Galicia, Lalín, comisariada polo experto, profesor universitario  e subdirector xeral de Patrimonio Nacional con César Antonio Molina, Antón Castro, que tivo a aquiescencia e a presenza do conselleiro de Cultura. Na crónica leo a un colega de Lalín escribir que "se agotan los calificativos", que é o espírito que flota no aire dunha redacción cando un xornalista escribiu reiteradamente sobre un feito. Dá unha idea da dimensión local do evento. De certo que é un abracadabra para un concello da dimensión demográfica e cultural de Lalín acoller a presentación de 17 obras que se asinan a Maruja Mallo e que permaneceran durmindo o soños dos xustos no limbo do coleccionismo arxentino. A veracidade do conxunto é incerta xa dende o momento en que os posuidores de semellante tesouro, que lle buscarán a lóxica transmutación crematística elixan unha vila galega e non un centro de arte madrileño para estenderlle a alformbra vermella en España.

Na novela Pepe Carballude hai unha sobriña de Maruja Mallo que aparece pola exposición e denuncia que os cadros que se amosan da súa tía son falsos. A familia da creadora tamén anda ulisqueando na obra que se coloca no escaparate como nunca vista.

Cinco anos despois da súa  morte a policía levou a comisaría superior de Galicia, na Coruña, siete cadros de Maruja Mallo con ollo torto por se fosen falsos.

No tempo no que avanzan os reloxos a familia de Maruja Mallo, asesorada polo galerista madrileño Guillermo de Osma, trata de manter o cerco sobre centenar e medio de obras que eles certifican como mallistas.

No ano sideral de 1999, hai 22, xa se desenvolvían xustas medievais de lanza longa a cabalo. Cinco anos despois da súa  morte a policía levou a comisaría superior de Galicia, na Coruña, siete cadros de Maruja Mallo con ollo torto por se fosen falsos. Foran adquiridas por Caixanova, Caixavigo, Caixanova, a Fundación Caixa Galicia e por particulares como un empresario de Padrón. As pezas pasaron polos microscopios do Centro de Arte Reina Sofía e polo criterio de Pilar Corredoira. En canto ao aval que pode ofrecer Corredoira vou anotar que dirixiu a maior antolóxica sobre Maruja Mallo no Centro Galego de Arte Contemporánea e foi comisaria doutra exposición da pintora ao ano seguinte no Museo Nacional de Bellas Artes de Bos Aires.

A fiabilidade do asunto tremeu dende o momento en que se fixo público que o marchante que xestionara o cambalache coas caixas fora Carlos Bergantiños, que ben merece unha medalla Castelao como o maior promotor  da arte que deu este país, non unicamente da obra de Maruja Mallo, senón tamén  de medio expresionismo abstracto norteamericano. Foi reclamado por xuices de Estados Unidos por descubrir ao país das oportunidades obras de Rothko, Pollock e Motherwell que os propios autores non sabían que pintaran.

Da banda de Pilar Corredoira e Antón Castro estaba tamén o historiador Xosé Ramón Barreiro, un experto no noso século XIX, que meteuse a inventariar a estadía artística de Mallo en Suramérica no libro Maruja Mallo. Una memoria en construcción. Podería revelarlles o motivo, pero vou ser respectuoso cunha persoa excepcional que vén de falecer.

Pepe Carballude ten gravados de Maruja Mallo e bastante prudencia. Todos os que mantemos fillos adolescentes estamos convencidos que os rapaces que fuman son estritamenteos dos outros pais.

—Os artistas pásano mal en vida. Maruja Mallo levaba unha vida boa. De que vivía? Non estaba tan cotizada. Tiña encargos como decoradora...

A familia, respaldada polo criterio do galerista madrileño Guillermo de Osma, puxo un borrón sobre toda esa obra argumentando que non poden aparecer 17 obras das que non hai  rastro nos papeis nin nos folletos, pero Antón Castro responde que ten documentado cada paso e pregúntáse polo sustento americano de Maruja Mallo nos anos. Pepe Carballude coméntame que a liña da defensa inclúe obra en casas de peronistas relacionados con Galicia.

O escritor Pepe Carballude faime ver a singularidade desa exposición lalinesa que volveu coller aire de polémica estes días na prensa:

—É raro que unha mostra estea cuestionada nun 80 por cento.

Longueira deixa que salte o contestador automático cando a chaman, atenta con responsabilidade ao procedemento acordado pola entidade que xestione e que incluíu o paso por un bufete de avogados por un "posible delicto de estafa"

Carballude refírese tamén á parte de Seoane lémbrame que Silvia Longueira tamén estivo presente como directora da fundación do artista na festa que decaeu en aquelarre do que todos renegan. Longueira deixa que salte o contestador automático cando a chaman, atenta con responsabilidade ao procedemento acordado pola entidade que xestione e que incluíu o paso por un bufete de avogados por un "posible delicto de estafa" en relación a trece óleos, catro guaches e unha acuarela que se lle endosan a Seoane.

Maruja Mallo sincérase sobre as súas prioridades e procederes en canto a gañar a vida de luxos, hoteis e viaxes nunha carta de 1949 a Jorge Oteiza: "Desde que llegué que aproximadamente será un mes, todavía no produzco, porque estoy en la organizacion de mis conexiones y esto lleva tiempo, pues fue muchas las personas que se ocuparon de mí en Nueva York, y esto lleva tiempo. Recibí dos revistas que el Hotel Plaza de New York donde estuve alojada, edita, en el número de diciembre publicó una foto de Picasso haciendo cerámicas, en el de este mes publica una de mi exposicion, como ves hasta esas revistas se ocupan del arte".

Ela nunca deixou de reclamar esa dobre faciana da súa vida. Escríbelle a Luisa Sofovich, escritora arxentina casada con Ramón Gómez de la Serna: "Trabajo intensamente a pesar de la vida social, por esto no acepté invitaciones a New York, Londres, París".

Se chega centrarse en producir esa obra que tanto anuncia probablemente non teríamos que estar redescubríndoa  cada dez anos nin volvendo ás cinco obras de Mallo que son certamente destacadas, tería unha solidez como a grande artista que puido ter sido. Maruja Mallo: sobrada de talento, escasa de alento.

A creadora de Viveiro bate marcas de rendibilidade da súa produción. Pintou pouco e o que pintou está marcado a ferro con documentación, pero hai abundante obra asinada por ela en galerías, salóns de coleccionistas e mercados semanais de vilas pequenas.


Galeristas, comisarios, pintores, xornalistas,... hai moita xente facéndose preguntas sobre a veracidade e a confianza unha artista que revive cada dez anos, pero a resposta concreta marchou canda os amigos que coidou en vida, coma Laxeiro.

Os nosos fillos de 15 anos que non fuman
comentarios