Opinión

A paixón da mente

O feito de que haxa unha asasina tan terríbel non me preocupa demasiado porque, por desgraza, en todas as sociedades durante toda a historia houbo persoas que decidiron matar e non creo que podamos facer demasiado por evitalo a priori

XA LLES CITEI o asunto hai unhas semanas, pero hanme escusar se o volvo facer. De todo o ocorrido arredor do execrábel crime de Almería contra un neno o que máis me preocupou foi ver a centos de persoas pedindo con aparente seriedade que as forzas da orde sacasen á presunta asasina para linchala. Antes de que volvan a páxina, direilles que non, que o feito de que haxa unha asasina tan terríbel non me preocupa demasiado porque, por desgraza, en todas as sociedades durante toda a historia houbo persoas que decidiron matar e non creo que podamos facer demasiado por evitalo a priori.

Si penso que podemos evitar os ataques de carraxe colectiva. Aos poucos días de cometido o crime a miña dona, sempre atenta aos detalles, sinalaba a fotografía que acompañaba á excelente peza de Rodrigo Cota neste xornal: quen golpeaba o muro do cuartel eran uns rapaces, non uns pensionistas armados con caxatos ao estilo da España profunda prototípica.

Para min, como docente que son, esa imaxe —acompañado dunha cantidade verdadeiramente inxente de comentarios nas redes sociais— representa o fracaso educativo da sociedade española nos últimos trinta anos. A eliminación das Humanidades e, sobre todo, da Filosofía, lévanos a este camiño sen saída polo que en lugar de reaccionar aos feitos tristes con racionalidade e argumentos científicos atrasamos o noso reloxo social ata Hammurabi —claro, que nin os milenials nin os da miña quinta saben quen demo era este home—.

Déixenme saír da exposición de novidades que marca esta columna para recomendar como antídoto a isto un clásico contemporáneo: La pasión de la mente occidental de Richard Tarnas. Publicouno hai tempo a editorial Atalanta e é un magnífico breviario de filosofía nun só tomo.

A finais dos anos oitenta confirmouse nas universidades estadounidenses e nas sociedades de todo o mundo a quebra da tradición do pensamento occidental


A tese de Richard Tarnas é ben sinxela. A finais dos anos oitenta confirmouse nas universidades estadounidenses e nas sociedades de todo o mundo a quebra da tradición do pensamento occidental que estamos a vivir agora mesmo e o perigo de ter que resolver os problemas actuais sen o fundamento cultural axeitado. Evidentemente hai un toque de morriña pero tamén unha necesidade auténtica. Para o autor o camiño da mente occidental é apaixonante... pero a min gústame pensar que ese paixón tamén remite ao padecementos do intelecto para superar os obstáculos colocados pola nube negra da ignorancia.

O camiño de Tarnas é coñecido para calquera que frecuente a filosofía: os gregos como pais do noso pensamento, a escolástica medieval, a transformación do pensamento moderno grazas ao Renacemento e a Revolución Científica e a progresiva construción do pensamento contemporáneo grazas a estas bases. O que non é tan recoñecíbel é o final que se lle dá a historia.

Non son poucos os historiadores e filósofos do outro lado do Atlántico que chegados ao século XX prefiren afastarse do camiño da filosofía europea —ciencia, existencialismo, postmodernismo— e poñer os seus ollos no concepto de "inconsciente". Para eles o baleiro deixado pola filosofía de Nietzsche non só debe encherse con coñecemento senón cunha atención particular ao irracional do ser humano. Non lles levarei a contraria... pero o atranco desta posición é que pode levar a posicións relativistas na interpretación da postmodernidade. O que é seguro é que leva a posicións acientíficas: como lector de Freud ou Jung aprecio o seu tratamento, pero a psicanálise ten máis ou menos o mesmo valor para  estudo da mente occidental có mesmerismo. Malia todo, non está de máis un peche co recoñecemento do reptiliano que hai en nós e que nos leva a estragar as nosas propias paixóns lonxe do intelecto.

Comentarios