Opinión

América: unha e diversa

De todos os temas aos que me teño que enfrontar na oposición, os que máis me amolan son os que tratan da lingua e a literatura hispanoamericanas e non porque se me dean mal, senón porque non podo coa perspectiva eurocéntrica que os enchoupa

DENDE HAI uns meses son opositor. Un aspirante a profesor bastante especial —un ano destes cóntolles porque, non será nunha columna porque quedaría curta—, pero aspirante ao cabo. Aquí falo pouco diso, pero un orixinalmente é teórico da literatura e especialista en novela. De todos os temas aos que me teño que enfrontar, os que máis me amolan son os que tratan da lingua e a literatura hispanoamericanas e non porque se me dean mal, senón porque non podo coa perspectiva eurocéntrica que os enchoupa. Basicamente, América é un país, adeus á diversidade... E o mesmo dá un boom ca outro ou unha novela de Rivera e unha de Güiraldes.

Como antídoto a isto, que non só pasa nos temarios de oposición, ofrézolles esta semana Historia global de América Latina (Alianza), obra do profesor arxentino Héctor Pérez Brignoli. O ortodoxo título non nos debe despistar da heterodoxa organización que presenta. Para comezar, o autor limita intelixentemente o seu obxecto de estudo aos dous últimos séculos, só con breves incursións nas épocas anteriores: o contrario tería sido inabarcábel nun volume destas características. Para continuar, non se trata dunha historial cronolóxica ao uso senón que inclúe tres tipos de capítulo: dous de historia habitual, dous de tipo transversal e dúas biografías de persoeiros pouco coñecidos para o lector medio español.

Ábrese e péchase o libro cos dous bloques máis convencionais, un dedicado aos primeiros anos de independencia e outro, ás últimas décadas. No primeiro, temos que salientar unha idea non por sabida menos importante: os procesos de descolonización americanos foron unha loita entre metropolitanos e crioulos, e non unha loita de liberación indíxena, o que sen dúbida configurou todo o que sucedería despois; en canto ao segundo, detense en 2010, o que é un problema xa que, como dicía Churchill dos Balcáns, América consume máis historia da que é quen de dixerir.

Polo medio, temos os dous capítulos que percorren o espírito americano no seu cerne. Moi orixinal é o dedicado ás utopías latinoamericanas. Amosa que, cun feixe de ideas, a maior parte das ocasións pouco ou nada ancoradas na realidade, podemos analizar case que todo o ocorrido nestes dous séculos. Máis técnico, dedicado a asuntos económicos e de evolución social, é o que define os «curtocircuítos da modernidade» no continente. Ou o que é o mesmo, resolve unha interrogación negativa: ¿Como non chegou a evolucionar América até poder acadar o progreso material e rematar con lacras como a pobreza e o analfabetismo?

Dende Europa en moitas ocasións os países quedan reducidos a personaxes famosos: Arxentina e Borges ou Cortázar, Colombia e García Márquez, México e Paz ou Iñárritu, Chile e Neruda. Por iso é de agradecer que Pérez Brignoli teña escollido a dous artistas menos vistos por estas latitudes. O primeiro, o músico brasileiro Héitor Villa-Lobos, creador dunha música clásica que asumiu o propio do seu país; o segundo, o pintor arxentino Antonio Berni, surrealista e experimentador con materiais insólitos. Ambos os dous foron figuras heterodoxas, modernas, vangardistas e teñen en común non ter acadado a fama universal que quizais mereceron.

Lamento dicirlles que se albiscan tempos duros. Tempos nos que o habitual serán os discursos de exclusión e desprezo do diferente. Precisamos aprender que existen culturas lonxe de aquí e podemos comezar porque non existe unha América, senón moitas, diversas e apaixonantes na súa diversidade.

Comentarios