Opinión

Cambiar de muiñeiro

NON SEI SE en Neira de Jusá —o antigo nome de Baralla— ou na miña casa materna tiñan unha especial xenreira aos muiñeiros, pero o caso é que grazas á miña nai chegoume un refrán que, en boa medida, define o que boa parte da sociedade española pensa da dereita estatal: «Cambias de muiñeiro, pero non cambias de ladrón» —escuso dicir que non se debe tomar ao pé da letra—.

A sensación de moitos cidadáns atopa agora unha expresión intelectual e histórica na obra de afortunado título La estirpe del camaleón, un relato da historia política da dereita en España dende os comezos da Guerra Civil até o 2004. Edita a sempre solvente Taurus e escribe Julio Gil Pecharromán, profesor da Uned e referente dende hai décadas no estudo do franquismo e do conservadorismo hispánico no século pasado.

Con acerto decide excluír Gil Pecharromán do seu estudo todo o ocorrido despois da fin do aznarismo: non existe perspectiva histórica para xulgar os acontecementos. Isto non impide que de todo o que se relata nas máis de cincocentas páxinas do estudo se podan tirar leccións sobre o presente, especialmente interesante pola desaparición da dereita, en singular, e a aparición das dereitas, en plural. Foi un movemento o que sempre temeu o pai fundador do Partido Popular, Manuel Fraga, sabedor de que iso minguaría o poder do que el consideraba unha «maioría conservadora» que dominaba socioloxicamente o país.

O autor debuxa nun limiar tan breve como excelente a causa do fenómeno que definiamos co dito galego. A dereita española pódese atomizar, pero comparte tres trazos moi concretos: o desenvolvemento histórico a partir do franquismo —o seu pecado orixinal en moitos aspectos—, o seu nacionalismo identitario —negado e convertido en patriotismo constitucional— e un conservadorismo moral vencellado a un catolicismo tridentino.

Dito isto, nunha esfera tan ampla como a da dereita as diferenzas de matiz son fundamentais e sobre elas cae a estrutura da obra: primeiro, coas diferentes familias do franquismo e as súas visións do futuro sen o ditador; despois, coa adaptación das mesmas a unha democracia homologábel segundo os estándares europeos; por último, coa construción da unidade do bloque ideolóxico e a histórica chegada ao poder de José María Aznar.

A principal dificultade ao facer historia sobre temas coma este é a abundancia de nomes e siglas. A Transición española estivo chea de pequenos partidos e líderes efémeros. Gil Pecharromán navega entre eles para conseguir unha narración organizada e fluída na que queda clara a capacidade camaleónica da dereita española para transformar estruturas e lavar pasados persoais pouco presentábeis nun sistema democrático.

A lectura non só serve para analizar o espectro da dereita española senón tamén para explicar un curioso fenómeno: por que en realidade non existe o liberalismo en España? O liberalismo clásico; non o de novo cuño thatcherista e mal chamado neoliberalismo, por suposto. Unha forza deste tipo sería toda unha innovación no panorama político… pero en o relato de Julio Gil deixa ben claras as limitacións que exerce a compoñente relixiosa e cultural.

Los últimos días temos asistido a un novo capítulo deste relato en forma do veto parental na educación, asunto que de ir adiante remataría por chimpar dende os contidos ideolóxicos até a historia, sempre no punto de mira daqueles que precisan agochala para non prexudicar o seu presente electoral. Libros coma o de Gil Pecharromán axudan a comprender o pensamento dunha boa parte da sociedade e a actuación dos políticos que a representan dende hai décadas.

Comentarios