domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Unha casa de goberno

Hai uns lustros o meu interese polos asuntos da cultura xudía levoume a Iuri Slezkine, autor dun dos mellores libros sobre o pobo elixido, The Jewish Century —que eu saiba non está traducido ao español ou o galego—.

Non era un libro sinxelo e lembro que tiven dificultades para seguir as fondas reflexións do autor sobre os terríbeis acontecementos do século XX e a tendencia dos xudeus ao milenarismo.

Aquela lectura de hai un tempo serviume de grande utilidade cando Acantilado decidiu traducir La casa eterna, a enorme saga da Revolución Rusa escrita por Slezkine e centrada no deseño, construción, poboamento, despoboamento e fin da Casa do Goberno, enorme edificio que os bolxeviques construíron para aloxar á súa elite política, cultural e económica. O libro atraeu xa unha considerábel atención da crítica española, quizais precipitada, xa que se pode asegurar que moitos dos críticos non se molestaron en lela en profundidade. Só así se poden explicar as comparacións con Grossman ou Tolstoi cando non nos atopamos fronte a un traballo de ficción. Moito máis atinadas terían sido de usar a Solienitsin ou Shalamov, este último moito menos lido e coñecido.

A habilidade de Slezkine como analista dos movementos relixiosos queda demostrada nos primeiros centos de páxinas. Están dedicados, máis que ao edificio, a demostrar que o comunismo soviético era unha relixión inspirada no monoteísmo dominante durante milenios. Malia os seus esforzos, ao lector escéptico e formado resúltalle complexo partillar a idea da existencia dunha relixión na que non exista unha divindade como tal —agás que consideremos como tal ao Lenin momificado—.

A Casa do Goberno estaba poboada por centos de funcionarios e persoeiros, polo que o narrador ten que tirar centos de fíos,

Despois de, poñamos, unhas trescentas páxinas, comeza o relato histórico propiamente dito e Slezkine fai pé con todo o seu talento. A Casa do Goberno estaba poboada por centos de funcionarios e persoeiros, polo que o narrador ten que tirar centos de fíos, seguilos durante un par de décadas e recollelos nos tempos convulsos e sanguinarios do Gran Terror de finais dos anos 30. O éxito é espectacular e así Slezkine pinta o fresco de toda unha sociedade nun edificio: o idealismo inicial, o desenvolvemento dunha burocracia imprescindíbel, a caída na ditadura e a morte real do réxime soviético, afogado no sangue das purgas.

Como en toda historia soviética teñen especial importancia os relatos dos mártires e, en especial, de Bujarin, habitante do descomunal complexo por un tempo. Porén, os personaxes máis atractivos resultan ser Mironov e a súa dona, Agnesa Argiropoulo, dous tipos dos que moito menos se pode atopar nas historias convencionais e aos que seguimos no seu ascenso e caída. Centrar a mirada neles pode axudar ao lector a non se perder entre os centos de nomes e patronímicos.

Que Slezkine dirixa os seus ollos na segunda metade do enorme libro —case que 1.500 páxinas de texto, notas á marxe— á historia das purgas e de como afectaron aos habitantes da Casa do Goberno non impide que teña páxinas para as súas reflexións, que ás veces esvaran cara terreos perigosos. Sorprende non ter atopado nos principais críticos españois ou anglosaxóns referencias a certa parte da obra na que, para xustificar a paranoia das delacións nas purgas soviéticas, Slezkine decide impugnar certos testemuños referidos a abusos sexuais cometidos nos Estados Unidos nos 80 e os 90. Trátase dunha argumentación perfectamente prescindíbel, que resta valor ao conxunto e que mesmo podería levar un libro valioso á tan cacarexada e mal usada cancelación, o que sería unha desgraza para unha obra que está destinada a marcar os estudos sobre a exhumación da vida diaria na URSS nas vindeiras décadas.

Unha casa de goberno
comentarios