Opinión

Cen anos

mural niño con globos

No medio das pandemias, os globos de espionaxe, Ucraína ou a guerra na rexión etíope de Tigrai, sobrevive aínda o conflito entre Israel e Palestina. Só hai que agardar, xa que podemos asegurar que en calquera intre regresará tristemente ás novas. Namentres iso ocorre, Israel segue a avergoñar a aqueles que cremos na cultura xudía e na necesidade de resolver a situación dos xudeos despois do Holocausto ao elixir cada vez gobernantes máis radicais e manter un réxime sospeitosamente parecido ao apartheid sudafricano.

Un dos puntos de apoio do Estado de Israel son os seus intelectuais: hai milleiros de persoas moi educadas para contar unha ou outra versión da historia israelí e non ocorre o mesmo coa versión de Palestina, menos despois do pasamento dese faro que era Edward Said. En non poucas ocasións estas obras adoptan un ton conspirativo ou panfletario que non axuda á valoración dunha causa que é xusta de seu.

Por iso o historiador e crítico non pode menos que saudar a aparición en español de Palestina de Rashid Khalidi, unha fonda e documentada historia da loita de Palestina pola independencia. O seu esforzo historicista comeza co mesmo subtítulo –A Guerra dos Cen Anos en Palestina,que é título na versión inglesa–, cunha comparación coa Guerra dos Cen Anos entre Inglaterra e Francia na Idade Media. Así, dende a portada, guíndase unha pregunta ao lector: estamos perante a guerra máis longa da historia da humanidade?

Para Khalidi, así é. E ten argumentos para o soster. Descendente dunha familia poderosa no contorno palestino, estadounidense por nacemento no exilio, habitante tanto de Palestina coma do Líbano, antigo profesor na Universidade de Beirut, actual profesor da Universidade de Columbia e representante de alto nivel das delegacións palestinas en distintas negociacións de paz, Khalidi foi protagonista e testemuña de boa parte do que relata, pero tamén ten o coñecemento que lle permite artellar un coherente discurso histórico sobre o ocorrido en Palestina.

Toda esta experiencia permítelle dividir o conflito en seis períodos, que arrincan en 1917 –a punto de rematar a Primeira Guerra Mundial, cando Gran Bretaña como potencia colonial se comprometeu co Fogar Xudeu– e rematan en 2017, aínda que loxicamente poderían estenderse ata estes intres. Esa temporalización aparece xustificada e é, até certo punto, tradicional na historiografía do conflito: o manexo colonial dos territorios polos británicos, a partición de 1947, a Guerra dos Seis Días, a invasión do Líbano en 1982, a Primeira Intifada en 1987 e a Segunda Intifada no ano 2000.

Khalidi loita con éxito contra certas ideas establecidas no discurso occidental de defensa de Israel: a desaparición da ameaza existencial xa dende os anos 60; a inexistencia da nación palestina, que simplemente podería integrarse nas realidades nacionais de países coma Líbano ou Xordania; a idea de que os actos israelís son só violencia reactiva fronte agresións palestinas previas.

Porén, o lector perspicaz tamén atopará as fendas no discurso de Khalidi, que está lonxe da neutralidade que podería presumirse nun bo historiador. Desaparecen oportunamente do seu discurso as realistas ameazas de 1948 –Imos guindar todos os xudeus ao mar– e, sobre todo, os atentados terroristas dos 60 e a guerra do Yom Kippur en 1973. Tamén hai un manexo selectivo das fontes, con xuízos sobre as intencións dos autores de certos libros... que despois non dubida en usar profusamente porque serven aos seus fins. No seu descargo hai que sinalar que críticas similares poderían facerse dende unha posición radical a favor de Palestina, posto que Khalidi non aforra críticas ao movemento e, en particular, á OLP. Quizais esa sexa a mellor carta de presentación da súa obra: un libro serio, fiel a si mesmo, que podería enfadar aos dous bandos dun conflito eterno.

Comentarios