jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

Construtor

ESTE ESPAZO e neste suplemento temos falado longo e tendido nos últimos tempos sobre o agromar do ensaio biográfico no mercado español.

A literatura galega non quedou á marxe disto e mesmo achega a obra máis monumental de todas, a biografía de Castelao escrita por Miguel Anxo Seixas Seoane da que publica Galaxia agora o segundo de tres tomos. Anunciado para meses atrás, supoñemos que a pandemia adiou a chegada ás librarías, mais non son estes malos tempos, preto do Nadal.

Comecemos polo bo que é moito. Non se distingue o panorama literario galego por megaproxectos coma este, obras de moitos volumes e que superen con facilidade as mil páxinas por tomo, co que se debe saudar a iniciativa —que, de feito, xa recibiu algún premio non hai moito—. A pesares da existencia de críticos co personaxe, tampouco é cuestionábel a escolla de Castelao para o proxecto: non serei eu quen subscriba o subtítulo deste volume, Construtor da nación, porque o noso país ten moitos outros persoeiros que poderían reclamar a distinción, pero é obvio que ‘Daniel’ é un dos máis senlleiros.

Dentro do bo, o mellor é a capacidade de Seixas Seoane para manexar o volume da pescuda. Quen non investigou non sabe o traballo, digno de Sísifo, que supón ler, clasificar e introducir nun discurso milleiros de documentos, públicos e privados, máis no caso dun home con tanta actividade coma Castelao, rodeado ademais de compañeiros con niveis de produción similares ou aínda maiores.

O  libro de Seixas Seoane amosa feblezas que son unha mágoa no que debería ser a biografía de referencia sobre o polígrafo rianxeiro no século XXI

O problema cando un traballa con figuras como a de Castelao -ou hai uns meses a de Galdós no caso da literatura español- é que a vara de medir está na máxima esixencia. E cando a aplicamos, o libro de Seixas Seoane amosa feblezas que son unha mágoa no que debería ser a biografía de referencia sobre o polígrafo rianxeiro no século XXI. Algunhas pódense arranxar nunha segunda edición -que non reimpresión-, caso dos superíndices que desaparecen ou os guións a metade de liña froito dos cambios en maquetación.

Porén, outras eivas van quedar aí. A tendencia marcada por biógrafos coma Robert Caro ou Stephen Kotkin, por citar só dous, é retratar tanto personaxe coma época e fuxir das enumeracións de acontecementos ou persoas. No oposto cae Seixas Seoane, con centos e centos de páxinas nas que chimpamos de acontecementos da vida de Castelao a outros da vida intelectual e política do galeguismo e a algúns que non semellan ter moito sentido, como as referencias a Valle Inclán -que sempre caen fóra de foco-. O asunto empeora cando se introducen fontes primarias -cartas, diarios, discursos-  cuxa intención, a de ilustrar o ambiente no que se movía Castelao, non se corresponde co resultado.

No intre no que Seixas Seoane escapa desta gaiola, hai páxinas escintilantes: son as que relatan os últimos meses da República, o golpe de estado e a arrepiante caza lanzada contra os galeguistas nun país no que non se chegou a producir unha soa batalla digna de tal nome. A dor dun Castelao afastado dos seus e a traizón de homes coma Vicente Risco, o asasinato de Bóveda ou a morte dalgúns dos familiares do mesmo Daniel nun suicidio desesperado cando unha fragata feixista asolagou a bodega do bou no que trataban de se evadir.

Queda un terceiro volume que vai cubrir o exilio de Castelao até 1950. Intúese que o total da obra pasará ben das 4.000 páxinas, un esforzo case que imposíbel de igualar en tempos vindeiros. É por isto e pola relevancia de Castelao, unha desas figuras que transcende o literario e o pictórico para entrar no corazón do pobo, que debemos agardar o mellor tanto en documentación -isto é seguro- coma en experiencia para os lectores.

Construtor
comentarios