Opinión

Do libro ao manifesto

DESPOIS DE máis de dez días de lectura a un debería quedarlle claro cal é o obxectivo do autor á hora de escribir o libro, máis se se trata dun tema que interesa ao lector e se a obra en cuestión supera as mil páxinas de extensión
.
photo_camera .

Non me ocorreu no caso de Ciudadanos. Una crónica de la Revolución Francesa de Simon Schama, unha das máis sonadas novidades do curso editorial e todo un clásico da historiografía anglosaxoa que tardou máis de dúas décadas en chegar a España.

A pregunta que un fai cando chega á fin da extenuante lectura é: se Simon Schama considera que a Revolución Francesa é un suceso que non ten a importancia que a historia lle atribúe, xa que a semente das reformas que se lle atribúen se atopaba noutras forzas correspondentes ao Antigo Réxime... por que lle dedicar un volume de tal envergadura?

A resposta pódese atopar en certas tendencias revisionistas arredor da Revolución Francesa que agromaron ao se celebrar a efeméride do segundo centenario, en 1989. En Francia estiveron encabezadas por François Furet e nos países de fala inglesa continuaron o ronsel de Edmund Burke, político conservador que atacou contemporaneamente o que estaba a ocorrer alén da Canle da Mancha, pero cunha perspectiva diferente. Na liña do reaganismo e o thatcherismo máis duros, tratábase de crear un novo relato que desmontase o que aínda hoxe segue a ser dominante, o que relaciona a democracia e o estado do benestar coas forzas que racharon co Antigo Réxime a finais do século XVIII e que vai da Revolución Francesa á Rusa e de alí aos sucesos de Maio do 68.

Máis da metade da obra está dedicada aos anos anteriores a 1789, dos que se fai unha fonda e lenta descrición

Schama consegue sacar adiante esta proposta porque, a diferenza da maior parte dos escritores que se dedican a estas operacións, é un magnífico historiador. Dito isto, ten que facer importantes sacrificios: máis da metade da obra está dedicada aos anos anteriores a 1789, dos que se fai unha fonda e lenta descrición. A outra metade é a que abrangue o período que vai de 1789 a 1794 e aquí o ritmo acelérase ata o punto de que en certos intres o relato non é máis ca unha acumulación de datas e nomes. A impresión xeral serve ao propósito de Schama: presentar a Necker ou os fisiócratas como antecedentes das reformas e aos revolucionarios, sen excepción, como personaxes esquemáticos. De Gracchus Babeuf ou das consecuencias da Revolución en 1848 ou 1872 nada sabemos.

Malia a erudición e o traballo de arquivo de Schama, é moi difícil avalar a súa tese máis xeral, a que converte parte do seu libro nun manifesto contra a Revolución: os sucesos de 1789 a 1794 si deron forma ao mundo no que vivimos arestora. Se imos a asuntos máis particulares, é magnífica a súa análise das motivacións, o desenvolvemento e as consecuencias do Terror Revolucionario, tanto o exercido en París —o máis coñecido— coma o que tivo lugar en provincias como a Vendée. Este é o pecado orixinal da esquerda democrática, un do que aínda non foi quen de se repoñer dous séculos despois. Bardante isto, tampouco aquí resulta sinxelo admitir todas as conclusións do historiador, moi escorado ás veces cara a posicións conservadoras: de verdade a violencia é unha consecuencia inevitábel de calquera sistema político que propugne a igualdade?

Pode parecer que estas palabras desacreditan por completo o traballo de Schama. Nada máis lonxe da realidade: a súa obra é unha peza moi necesaria para entender un fenómeno que aínda condiciona os debates políticos actuais, tamén en España, onde nin sequera temos claro se a invasión napoleónica que trouxo as ideas revolucionarias foi algo positivo ou negativo.

Comentarios