viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Edmnond Jabès e os límites da palabra

A relación entre escritura, silencio e palabra da man de Jabès

Edmnond Jabés. EP
Edmnond Jabés. EP

CANDO HAI uns anos decidín seguir cursos de doutoramento en Teoría da Literatura –si, existe unha teoría literaria– recibín unha orde contundente do meu director de tese e amigo, Darío Villanueva: "Tes que aprender francés". Era eu da quinta da ensinanza de inglés e nunca se me ocorrera ler nin unha palabra na lingua de Proust. Había que facelo axiña, en menos de mes e medio... e decidín tirar polo camiño da tradución. Uns anos atrás o poeta Luís Valle emprestárame durante un par de días El libro de las preguntas de Edmond Jabès. Era un libro vermello que semellaba berrar dende o sangue dos xudeus asasinados na Shoah. Quedei pechado na súa poesía e decidín aprender francés da man dun xudeu exipcio, o que era unha idea tan boa como outra calquera. Dende aqueles anos a editorial Siruela cambiou xa a presentación desta grande. Agora é de cor azul turquesa e dende a portada míranos o poeta con ollos vivos, engurras na faciana e medio sorriso.

Quen foi Jabès? Un fuxido: pertencente á minoría hebrea en Exipto, tivo que marchar en 1957 cando Gamal Abdel Nasser –agora famoso por un vídeo no que fai brincadeira sobre o absurdo de que as mulleres musulmás leven velo– decidiu expulsar a todos aqueles que practicaban aquela relixión. Establecido en París, comezou a publicar unha obra na que afondou na aventura mesma da escrita, na relación entre escritura, silencio e palabra. Por ese camiño chegou a unha visión do libro como límite, como suxeito e non coma obxecto ou artefacto, como patrón do autor e non como o seu servidor. E todo isto envolto nunha linguaxe chea de valores fónicos –que a excelente tradución só pode recoller no seu carácter sentencioso– e de imaxes que o aproximan a un surrealismo que había medio século que estaba teoricamente esgotado.

O libro das preguntas non é precisamente unha lectura para un tranquilo serán de praia no mes de xullo namentres un dá grolos ao cóctel, aínda que si unha para estes meses nos que adoito dispoñemos de máis tempo para nós. A historia de Yukel e Sara é a dun pobo camiño da extinción, a dos límites da verba mesturados cos límites da dor. As posteriores conversións dos pronomes en personaxes constrúen un xogo de espellos que responde ao medo borgiano: nunca chegamos a saber o que se agocha na profundidade do que nos reflicte. 

Para construír o seu discurso usa Jabès a herdanza do Talmud, a Cábala e os proverbios dos rabinos

Para construír o seu discurso usa Jabès a herdanza do Talmud, a Cábala e os proverbios dos rabinos. Ante os nosos ollos pasa unha ringleira de imaxinarios Rebs que constrúen coas súas sentenzas un mundo fragmentario, simbólico e irreal namentres conectan a tradición xudía, o individuo, o cosmos e o libro. Para un home nacido en Exipto o deserto era unha presenza constante. No Libro das preguntas Jabès poboa a soidade das areas desérticas con palabras e outorga á experiencia poética un carácter circular e finito.E así chegamos a unha lectura especial dos grandes temas universais. Un amor desesperado e frustrado, mesturado sempre coa morte. Un pobo que esmorece e sae transformado en fume polas chemineas do campo e en carretas do gueto. A posibilidade da extinción da relixión, de toda unha visión do mundo, por erradicación física dos individuos que buscan respostas en Yahvé. A caste sacerdotal como mediación entre a terra e a transcendencia. E, por riba de todo, a linguaxe: o vehículo polo que nos relacionamos con todo aquilo que nos rodea... pero asemade un instrumento convencional e non mimético, pálido reflexo das marabillas e os padecementos que teñen lugar arredor de todos nós.

Edmnond Jabès e os límites da palabra
comentarios