Opinión

Estraños paralelos

Nazismo
photo_camera Nazismo

A DECADENCIA de Occidente é un mítico libro de Oswald Spengler que analizaba a civilización dende unha perspectiva que permitía prognosticar a súa caída en Europa e Estados Unidos, pero que nada máis que anticipou as ideas de superioridade racial do nazismo.

É un libro en xeral aburrido, pero con pasaxes escintilantes. Unha delas atópase ben ao principio, cando o historiador xermano queda sorprendido pola estraña terxiversación que supuxo que o Club dos Xacobinos tributase o seu culto a Bruto, un millonario que, en nome da oligarquía e do Senado patricio, acoitelou ao home da democracia.

Comentaba o outro día cunha amiga profesora de Grego —e Latín— que, ao final, boa parte da historia política occidental pode dividirse deste mesmo xeito: entre os partidarios de Bruto e os de César. Entre os primeiros, en España, atópase como escritor senlleiro Francisco de Quevedo; entre os segundos, en Inglaterra, nada menos que Shakespeare. Foi César un tirano ou un loitador contra as corrutas oligarquías romanas? Foi Bruto un dos derradeiros defensores dos auténticos valores republicanos ou un defensor violento do goberno duns poucos?

Xulio César caeu asasinado nos idus de marzo do ano 44 a.C. e pasados dous mil anos dende o asunto aínda hai quen volve sobre os feitos e tenta atopar unha conexión dos mesmos co que está a suceder na actualidade. É o caso de Edward J. Watts, profesor da Universidade de California en San Diego, quen en República mortal. Cómo cayó Roma en la tiranía (Galaxia Gutenberg) realiza un retrato desapiadado e complexo da conversión de Roma nunha monarquía que, sobre o papel, non desexaba ninguén.


Sobre toda a obra voa a sombra dos populismos e en particular a de Donald Trump. Nun breve limiar Watts deixa ben clara a súa posición: os políticos poden causar «graves problemas» ao infrinxir as normas dunha república… pero tan responsábeis coma eles son os cidadáns que deciden non castigalos. O asunto aquí sería definir que é un «problema», xa que isto nos leva a unha reflexión sobre a caducidade da ética na política actual. Para un lector de esquerdas a chave das convulsións políticas en Roma estará no poder omnímodo das clases altas, a súa ambición e incapacidade de respectar o ben común; para un de dereitas, nos perigosos xogos de certos membros da clase senatorial coa plebe; para un liberal… ben, o liberalismo é cousa moderna e as súas categorías dificilmente son aplicábeis ás estruturas latinas. En calquera caso, os paralelismos resultan ser bastante estraños.

Watts ten que se remontar séculos atrás e explicar a república romana dende as guerras contra Pirro


Para chegar aos episodios máis coñecidos —o citado crime, o ascenso e caída de Cicerón, as aventuras de César e Antonio en Exipto con Cleopatra—, Watts ten que se remontar séculos atrás e explicar a república romana dende as guerras contra Pirro —o da vitoria pírrica— e, sobre todo, contra Cartago, xa que o esforzo bélico deu forma particular ao Estado e quebrou uns costumes éticos aos que a sociedade romana xa non sería quen de regresar. É quizais a parte máis árida da obra, pero o mesmo có resto está escrito con bo pulso e un ritmo que convida á lectura.


A lección, en definitiva, non é difícil de extraer. Os cidadáns lectores deben aprender da man de Sila, Mario, Catilina ou os Gracos -especial interese ten agora mesmo a historia destes- os perigos de consentir a obstrución política e coquetear coa violencia, sobre todo cando esta se instrumentaliza dende arriba cara abaixo -o que agora coñecemos como violencia de Estado). Se miran cara outro lado, a súa república —ou o seu estado, en calquera caso— comeza a estar en perigo de morte.

Comentarios