Opinión

Nas pozas

Javier Nogueira métese nunha habitación co elefante da superioridade moral da esquerda

CANDO UN autor decide meterse nunha poza ben fonda e chea de auga o crítico ten dous camiños: afastarse e ignoralo ou ir tras del e asumir as súas teses. Ás veces nin sequera queda o refuxio da negación dos seus argumentos, baixo pena de quedar retratado quen comenta como alguén mesquiño e tendencioso.

Isto é o que sucede con Ignacio Sánchez Cuenca e o seu último libro, que responde ao contundente título de La superioridad moral de la izquierda. Prologada polo estudoso e político —creo que el mesmo utilizaría esa orde— Íñigo Errejón, na obra o autor reelabora unha xeira de pezas escritas hai un tempo para CTXT, unha web de información que segue unha liña de análise no canto de optar polas primicias e o sensacionalismo. Non é a primeira vez que Sánchez Cuenca usa teses polémicas cun indiscutíbel éxito en canto a impacto e con moita razón nos seus argumentos: véxase senón a destrución do stablishment cultural que fixo en La desfachatez intelectual.

O título do libro non deixa lugar á imaxinación en canto ao tema do opúsculo: unha argumentación en pouco máis de cen páxinas sobre por que as ideas de esquerda son superiores dende un punto de vista moral ás de dereitas. Declárome admirador de Sánchez Cuenca xa só por un feito: a ousadía de tratar co que poderíamos denominar o elefante no cuarto. A bondade final das ideas de esquerda por oposición ás de dereitas é un deses asuntos que calquera pode dar por suposto, pero que non aparece decote no debate público.

Véxase a recente decisión de Pedro Sánchez de acoller os emigrantes que estaban a piques de afogar no Mediterráneo: pode alguén cuestionar que nunha situación como esa o necesario é salvar vidas? Non. Quen o fai pon outros argumentos por diante da vida dunha persoa. Nin os Evanxeos —coa Regra de ouro expresada por San Mateo— nin Kant —co seu imperativo categórico—, bases da moral relixiosa e a laica respectivamente, avalan tal actuación: ninguén pode querer afogar se está á deriva no mar nin pode considerar o naufraxio unha decisión que aplicaría en calquera outra circunstancia.

Porén, na esfera pública e privada centos de miles de persoas expresaron o seu malestar coa decisión do presidente do Goberno. E por iso o libro de Sánchez Cuenca é extremadamente provocador: porque nunha época de relativismo, atrévese a facer unha censura contundente ás opinións e actuacións de millóns de persoas. Ousa desafiar esa opinión dominante de que todo é defendíbel sempre que se atopen os argumentos axeitados. Pois non: deixar morrer xente non é aceptábel eticamente en ningunha circunstancia.

Se podemos demostrar que as ideas de esquerda son moralmente superiores... porque as esquerdas non gobernan en todas partes?

De todo o exposto podería deducir o lector que nos atopamos perante un panfleto de esquerdas. Non é así: o autor ataca nos capítulos finais a derivada do seu razoamento anterior. Se podemos demostrar que as ideas de esquerda son moralmente superiores... porque as esquerdas non gobernan en todas partes? As razóns son diversas: o desprezo ás consecuencias de impoñer ideas dentro dun determinado statu quo; a superioridade intelectual dunha dereita que non precisa a moralidade para gañar e apelar aos sentimentos máis irracionais ou reprobábeis eticamente do votante, e o esmorecemento da socialdemocracia entendida como camiño intermedio entre as posicións ultrarreformistas do comunismo e o conservadorismo secular das capas altas das sociedades europeas.

En resumo, estamos ante un libro imprescindíbel no debate político e social actual, que racha cunha boa cantidade de convencionalismos académicos e xornalísticos, e paga a pena lerse aínda que un estea en total desacordo con aquilo que di, xa que da solvencia intelectual de Ignacio Sánchez Cuenca sempre se poderá tirar proveito.

Comentarios